Jorquera explica por que o BNG non ve posíbel negociar os orzamentos 2025
No #PlenoExtraordinario do 18N, o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, debullou as razóns que levan a formación nacionalista a tomar a decisión de non negociar os orzamentos do Concello para 2025.
Xa o 30 de setembro, o BNG anunciou que non comezaría as negociacións das novas contas mentres non se cumpriren os acordos previos (investidura e orzamentos 2024) asinados co PSOE.
Durante mes e medio, o BNG puido constatar que eses acordos están moi lonxe de se verificaren de forma satisfactoria, a pesar de si se ter producido algúns avances, tímidos e insuficientes.
É por isto que o BNG resolveu non entrar a negociar nada para 2025 ao se ter producido unha quebra no principio de confianza que debe rexer necesariamente a relación entre dúas forzas políticas distintas.
O Goberno Local, se quere aspirar a acordos futuros, ten de mudar de actitude e facer o necesario para que se restaure esa necesaria confianza. E mudar de actitude pasa por asumir que é un goberno en minoría e que, necesariamente, ten que dialogar co resto de grupos, e de forma moi especial con aquel, o BNG, co que asinou o acordo en virtude do cal Inés Rey accedeu á Alcaldía.