#PLENOEXTRAORDINARIO

O BNG non ve posíbel un acordo orzamentario para 2025 ao se quebrar a confianza nun Goberno Local que incumpre a maioría dos pactos

Pleno extraordinario 18 de novembro de 2024
Un momento do Pleno
No curso do Pleno extraordinario habido esta mañá, o portavoz do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera, anunciou que a formación nacionalista non ve posíbel o acordo sobre os orzamentos do Concello para 2025 ao se producir unha “creba do principio de confianza” cun Goberno Local que continúa sen cumprir a maioría dos pactos asinados co Bloque, quer o de investidura quer o das contas do Concello actualmente vixentes.
O BNG non ve posíbel un acordo orzamentario para 2025 ao se quebrar a confianza nun Goberno Local que incumpre a maioría dos pactos

“Como anunciamos o 30 de setembro, o BNG condicionaba o principio das negociacións ao cumprimento do groso dos acordos asinados, quer o acordo de investidura quer o acordo que deu lugar aos orzamentos vixentes”, dixo Jorquera. “Case dous meses despois”, acrecentou, “constatamos que moitos deses acordos continúan sen ser cumpridos”. Polo tanto, estendeuse, “teño que anunciar que o BNG non vai subscribir un novo acordo co grupo de goberno para os orzamentos de 2025. Se hai novos orzamentos, non será co noso voto favorábel”.

O portavoz nacionalista subliñou que “de nada valen os acordos se logo non se cumpren” e, nese sentido, remarcou que “quen dispuña de todas as ferramentas para os cumprir era o Goberno Local”, de aí que o BNG entende que “non se dan as condicións para chegar a un acordo para os orzamentos de 2025”.

Jorquera fixo este anuncio no curso dun pleno extraordinario en que se produciu a aprobación definitiva do modificativo de crédito M5 e a inicial do M6, votados favorabelmente polo Bloque.

Sobre o M6, o BNG remarcou que o respaldaría por “responsabilidade”, sendo que nel se contemplan suplementos de crédito para abordar o pagamento de facturas pendentes da Compañía de Tranvías (8 millóns de euros), a compensación das perdas contraídas polos gastos derivados do servizo de BiciCoruña, o problema de liquidez do Consorcio para a Promoción da Música (600 mil euros) e unha nova achega (1,1 millóns) para o Concello cumprir coa súa parte no convenio asinado coa UDC para o proxecto da Cidade das TIC.

Hai tamén un suplemento de crédito de 150 mil euros destinado á Escola Municipal de Música sobre o que se debruzou especialmente Jorquera, pois é un exemplo dos incumprimentos por parte do Goberno Local dos acordos asinados co BNG.

Votazon
O BNG votou a prol da aprobación definitiva do modificativo M5 e da inicial do M6

Ese suplemento é preciso para custear a suba salarial ao cadro de persoal, ben como tamén para atender os gastos urxentes necesarios para o funcionamento ordinario da escola, “máis aló das reformas e melloras que necesita ese edificio”.

Pois ben, o Goberno Local non se tería visto obrigado a ir a un modificativo de crédito para atender esas necesidades de gasto “se tivese respectado o acordo orzamentario ao que chegamos para este exercicio 2024”, sinalou Jorquera.

Con efecto, o acordo orzamentario incluía un aumento da dotación para a Escola Municipal de Música por valor de 250 mil euros, mais ese diñeiro nunca chegou ao seu destinatario -o cadro de persoal, mais tamén o propio edificio que acolle este centro de ensino-, “senón que foi utilizado para diminuír o déficit do consorcio”.

“Non só non se respectou o acordo”, salientou, “senón que o concelleiro de Cultura faltou á verdade na resposta que lle deu nun debate plenario á miña compañeira Mercedes Queixas”, dixo Jorquera en alusión ao Pleno de setembro.

O modificativo M6 finánciase en boa parte con baixas orzamentarias de partidas pactadas co BNG nas contas actualmente en vigor. Baixas que, detallou Jorquera, “afectan o plan de mellora de centros cívicos e bibliotecas, o plan de mellora de recintos culturais municipais, actuacións no Castro de Elviña e no Castelo de San Antón, e tamén a obras de humanización nos barrios”.

Todas esas actuacións están moi lonxe de se teren materializado e a explicación que dá o Goberno Local sobre o incumprimento dos seus compromisos é que “na maioría dos casos, os proxectos aínda non están listos para licitar e, por tanto, non dá tempo a que se executen nos meses que fican até fin de exercicio”.

Esa escusa non se sostén a ollos do BNG porque “é a o Goberno Local a quen lle corresponde dar impulso aos distintos proxectos para que estean listos en tempo e forma e se poidan executar”.

Jorquera conclúe que o Goberno Local se centra “só naquelas cuestións que forman parte das súas prioridades de axenda” e, en troca, “secundariza os programas e actuacións incorporadas aos orzamentos por iniciativa do BNG”. “Entón é inevitábel que haxa unha creba de confianza”, resalta.

Na súa intervención, Jorquera non tivo reparos en recoñecer que nos últimos tempos o Goberno Local si fixo esforzos para facer posíbel un acordo orzamentario.

Así, o Executivo coruñés anunciou a conxelación de taxas, após lle ter advertido o BNG que en ningún caso apoiaría a súa suba, e tamén a suspensión de licenzas nas Percebeiras, trámite necesario para “dar cumprimento ao acordo de investidura que contempla a modificación do PXOM nese ámbito”.

Esforzo que tamén se estendeu á cuestión da antiga cadea provincial, “ao opoñerse no ámbito xudicial á demanda da SIEPSE”.

Mais eses movementos non son suficiente porque os incumprimentos continúan a atinxir a grande maioría dos acordos asinados. “Quebrouse o principio de confianza necesario en calquera relación entre dúas forzas políticas distintas e non serán posíbeis novos acordos mentres non se restaure”, concluíu Jorquera.

 

 

O BNG non ve posíbel un acordo orzamentario para 2025 ao se quebrar a confianza nun Goberno Local que incumpre a maioría dos pactos