O BNG vota contra o proxecto de orzamentos por non ser críbel, excluír a participación cidadá e restar competencias ao Pleno

No transcurso do Pleno ordinario de febreiro, o proxecto foi rexeitado ao ser votado en contra polo BNG e polo PP e só ter os votos a favor dun Goberno Local que está en minoría na Corporación e que só pode garantir a gobernabilidade do Concello se, como lle dixo durante a súa intervención o noso portavoz, Francisco Jorquera, muda de actitude.
“Non se pode gobernar catro anos en minoría e a golpe de cuestión de confianza. Está na súa man rectificar se, de verdade, queren asegurar a gobernabilidade do Concello”, afirmou Jorquera. O Goberno Local abócase agora a unha cuestión de confianza após ser rexeitado o proxecto de orzamentos.
As contas carecen de credibilidade
Confianza é precisamente o que non inspira este proxecto de orzamentos a ollos do BNG. As contas carecen de credibilidade porque veñen dun Goberno Local que se ten caracterizado por incumprir a maior parte dos compromisos contraídos co BNG, quer os do Acordo de Investidura quer os da negociación que deu lugar aos orzamentos vixentes, os de 2024.
Se en novembro de 2024 Jorquera anunciou que o BNG non participaría na negociación duns novos orzamentos mentres non se cumprisen os acordos previos, e se durante este tempo ese cumprimento non se produciu, non tería agora lóxica que o Bloque dese un “cheque en branco ao Goberno Local, apoiando uns orzamentos de cuxo resultado non participamos”, argumentou o portavoz nacionalista.

O proxecto de orzamentos carece de credibilidade –“non conta co apoio de ningún grupo”, alegou Jorquera- e, alén do máis, foi elaborado de costas á cidadanía. “Que foi dos orzamentos participativos?”, inquiriu Jorquera, quen denunciou o “retroceso en participación cidadá” que estas contas significan.
Mais non só se exclúe a participación veciñal, tamén, por medio dunha modificación das bases de execución dos orzamentos -sobre as que advertiu a Intervención do Concello- se lle restan competencias de control ao Pleno, o que representaría un preocupante “retroceso en control democrático”.
“O Informe de Intervención advirte da existencia de numerosas modificacións nas bases de execución que, entre outras cousas, restan competencias ao Pleno”, remarcou Jorquera, quen sinalou que as modificacións nas bases de execución dos orzamentos implicarían “un maior risco de descontrol na execución do gasto”.
Falta de execución das contas, sobre todo nos barrios
Se algo demostra que o orzamento non é críbel é o baixo nivel de execución das contas de 2024, nomeadamente nos capítulos de investimentos. “Quen máis o padeceron foron sen dúbida os barrios ao non se realizaren moitas das actuacións previstas”, recalca o portavoz do BNG.
Así, partidas que xa figuraban nos orzamentos de 2024 -mercado e centro de saúde e cívico de Santa Lucía, mellora dos centros cívicos ou de equipamentos culturais como a Domus, o Fórum ou o Rosalía de Castro, fondos para as bibliotecas de Novo Mesoiro e Palavea, para o Parque de Monte Martelo- desprázanse agora para as contas de 2025. “Esas actuacións en boa medida non se executaron”, alega Jorquera.
“Orzar non é executar. Como di a frase popular, o papel terma do que lle boten. E con estes precedentes, comprenderán vostedes que o proxecto que presentan non nos merece credibilidade”, estendeuse.
O que cualificou como “ronsel de incumprimentos” dos acordos asinados co BNG alcanza tamén “o acontecido coa Escola Municipal de Música [unha partida de 250.000 euros que nunca chegou ao seu destino] ou os incumprimentos dos compromisos aos que tiñan chegado cos traballadores das conserxarías das instalacións deportivas”.
As dúbidas da Intervención
O orzamento non lle merece credibilidade ao BNG, mais tamén lle esperta serias dúbidas á Intervención do Concello. O informe elaborado por este órgano cuestiona “moitas das previsións de ingresos que se contemplan nestes orzamentos”, até o punto de advertir “que a nivelación efectiva do orzamento pode estar comprometida, e con iso a solvencia financeira do Concello”, alerta Jorquera.
Así, desde a Intervención sinálase que nos orzamentos aparecen ingresos por valor de 2,5 millóns de euros, derivados da aplicación dun imposto sobre as estadías turísticas, cando previamente sería preciso aprobar unha Ordenanza ao respecto, fenómeno que se repite coa previsión dun incremento de 3,3 millóns de euros na recadación da taxa de recollida de lixo.
Inquietan tamén o BNG as consideracións que Intervención formula sobra a subscrición dun empréstito por 48,8 millóns de euros. “Ao respecto”, precisa Jorquera, “cumpre dicir que o BNG non acredita nos dogmas da austeridade fiscal, mais por suposto que nos preocupa asegurar a solvencia financeira para non comprometer o labor do Concello en vindeiros exercicios”. E, nese sentido, non é menor o dato de nos orzamentos se contemplaren máis de 10 millóns de euros para amortizar débedas.
De resto, tamén desde a Intervención se advirte de que o orzamento incumpriría a regra fiscal do equilibrio financeiro -tería como resultado final inestabilidade ou déficit-, o que obrigaría o Concello a presentar un Plan Económico e Financeiro (PEF) que debería ser aprobado primeiro polo Pleno e despois pola Xunta.
A prórroga dos orzamentos de 2024
E como o proxecto para 2025 carece de credibilidade, o BNG entende que abonda con prorrogar de forma definitiva os orzamentos de 2024 -que foron prorrogados de forma provisoria polo Goberno Local mentres tramitaba unhas novas contas-, negociando as modificacións e actualizacións necesarias.
E iso porque “os orzamentos de 2024 eran un bos orzamentos. O problema é que non se cumpriron”, alegou Jorquera.
As emendas do PP
O PP formulou emendas a estes orzamentos. Foron rexeitadas polo BNG.
“Facémolo, pese a que compartimos o contido dalgunhas delas, por unha razón moi sinxela: se se aprobar algunha emenda, iso significaría a automática admisión a trámite dos orzamentos, cando o BNG é partidario de os rexeitar na súa totalidade e por iso imos votar en contra da súa aprobación inicial”, explicou Jorquera.
Os insuficientes esforzos do PSOE
Na súa intervención, e dirixíndose ao portavoz do Goberno Local, Jorquera non tivo reparos en recoñecer que o grupo municipal do PSdeG-PSOE fixo “algúns esforzos” coa intención de “reconducir a relación co BNG”.
“Todo o mundo sabe que se o BNG non fose decisivo, non se terían suspendido as licenzas das Percebeiras, dificilmente se aprobaría hoxe unha ordenanza reguladora dos pisos turísticos nin se anunciaría unha taxa turística seguindo os pasos que en Galiza iniciou Santiago de Compostela...”, referiu Jorquera.
Mais eses pasos adiante non abondan porque “é moito o que fica por cumprir”. “Non lles estamos pedindo que poñan en práctica o programa do BNG. O que estamos pedindo é que cumpran e que poñan en práctica o que PSOE e BNG acordaron”, subliñou.
Cumprir os acordos e mudar o estilo de gobernar. Iso tamén o pide o BNG. “Teñen que deixar de gobernar como se tivesen maioría absoluta”, urxiu.
Nese sentido, estes orzamentos non van na boa dirección. Ao contrario, “aos vinculalos unha cuestión de confianza, vostedes aproveitan para mudar as bases de execución restando competencias ao Pleno no que ten a ver coa aprobación de transferencias de crédito entre diferentes áreas de gasto ou capítulos orzamentarios”, censurou.
Opta tamén o Goberno local por limitar a capacidade de control e fiscalización por parte da Corporación: “A maioría dos investimentos están subsumidos en plans moi xenéricos, no canto de detallar actuacións concretas e específicas, o que incrementa a súa marxe para manexar os orzamentos ao seu antollo”, precisou.
Estas manobras visan dificultar o traballo da oposición á hora de testar o grao de cumprimento dos compromisos orzamentarios. E xusto nese momento da súa intervención lembroulle Jorquera ao Goberno Local que está en minoría e que a forma de garantir a gobernabilidade do Concello non é precisamente recortarlle dereitos á oposición.