ACTO CONXUNTO DO BNG E DE GALIZA NOVA NA CORUÑA

Si hai alternativas para abordar o grave problema da vivenda na cidade

022A1745
Avia Veira, durante un momento da súa intervención
A candidata do BNG á Alcaldía, Avia Veira, asumiu o compromiso de pór todas as vivendas municipais “a dispor das coruñesas e coruñesas” cando, a partir de maio de 2027, lidere o Goberno Local.
Si hai alternativas para abordar o grave problema da vivenda na cidade

“Garántovos que, como alcaldesa, a partir de maio de 2027 non ficará ningunha vivenda municipal sen ser mobilizada por falta de investimento no seu arranxo ou na súa adecuación”, afirmou este serán na Coruña Avia Veira nun acto público organizado polo BNG e Galiza Nova da Coruña e convocado baixo o lema xenérico de Garantir a Vivenda, Erradicar a Crise.

“Hoxe na Coruña é practicamente imposíbel mercar un piso co salario normal dunha persoa traballadora. Desde o BNG imos traballar para termos unha Coruña en que a xente si poda vivir nos seus barrios”, proclamou Avia Veira, quen estivo acompañada no uso da palabra por Gonzalo Prado, responsábel comarcal de Galiza Nova.

A administración que ostenta o groso das competencias en materia de vivenda é a Xunta, mais o Concello ten tamén as súas ferramentas para actuar sobre o mercado.

022A1643
Gonzalo Prado e Avia Veira, fotografados momentos antes do comezo do acto

Así, tan recentemente como no pasado pleno de xuño, o BNG propuxo a mobilización de até 45 pisos municipais -os 5 da Rúa Pontejos e outros 40 pendentes de arranxo por parte de EMVSA- para se poren a disposición das coruñesas e os coruñeses en réxime de aluguer.

A proposta, en forma de moción, foi aprobada polo Pleno por unanimidade.

Alén diso, hai outras tarefas que poden e deben ser abordadas polo Goberno de Inés Rey. “O Goberno Local ten que facer un estudo do Parque Inmobiliario da cidade. Queremos saber en que situación se atopan as famosas 20 mil vivendas baleiras que hai na Coruña, en que situación de accesibilidade e de habitabilidade se achan, para as pór no mercado e aumentar a oferta de vivendas en aluguer”, dixo.

022A1747
Avia Veira, a debullar as nosas políticas de vivenda

En todo caso, resaltou que a principal responsábel da emerxencia habitacional que vivimos é a administración con máis competencias, isto é, a Xunta que o PP goberna ininterrompidamente desde 2009. “E aí o balance non pode ser máis desolador. 40 vivendas públicas construídas en 17 anos. 40”, censurou.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Si hai alternativas para abordar o grave problema da vivenda na cidade