A presión social para polo de agora o desafiuzamento de Marta. O BNG pídelle ao Goberno Local unha solución habitacional estábel e permanente
Mais aínda fica por diante garantir o dereito desta nosa veciña a continuar a convivir baixo o mesmo teito coas súas catro crianzas, polo que o BNG lle esixe ao Goberno Local que lle dea a Marta unha solución habitacional estábel e permanente.
O desafiuzamento aprazouse ao lle ofrecer o Goberno Local a Marta Zuraheiva unha solución provisoria nun dos pisos de que dispoñen os servizos sociais do Concello. Nesa morada só poderían ficar un máximo de 6 meses.
Na concentración estiveron presentes a nosa portavoz Avia Veira, os nosos concelleiros Francisco Jorquera e David Soto e a nosa deputada no Parlamento galego Iria Taibo
“Desde o momento en que soubemos que se ía producir o desafiuzamento de Marta comezamos a presionar politicamente o Goberno Local, con chamadas e contactos directos, para que lle desen unha solución habitacional estábel e permanente. Continuaremos a facelo até que se consiga esa solución permanente”, afirma Avia Veira.
A candidata do BNG á Alcaldía lembra que o Concello dispón de 40 pisos baleiros e pendentes de arranxo. “Unha vez reparados, poden ser unha solución perfectamente digna para Marta e os seus fillos e para tanta outra xente que sofre desafiuzamentos”, remarca.
“Falta valentía política, falta maior compromiso nas políticas de vivenda, nomeadamente por parte da Xunta de Galiza gobernada polo PP, a administración con competencias exclusivas na materia”, engade.
Orgullo pola mocidade coruñesa
Na concentración había moita xente moza. “Quero render homenaxe á mocidade da cidade. É frecuente escoitar voces a dicir que as mozas e os mozos non se moven. Pois vaia si se moveron para defender Marta e os seus fillos desta inxustiza!”, proclamou.
O Goberno de Inés Rey ten tamén que reaccionar perante a inxustiza. “Hai que lle ofrecer a Marta unha solución permanente, non só provisoria. Ela está disposta a facer o necesario para vivir cos seus fillos baixo o mesmo teito”, dixo en alusión ao risco de que a Xunta decida separar os menores da súa nai.