AVIA VEIRA: "O SOLO PÚBLICO NON ESTÁ PARA RESOLVER OS PROBLEMAS DE METROVACESA"
O BNG non vai votar a favor de ningún traslado de edificabilidade das Percebeiras ás Roseiras
A xuízo do BNG, “o solo público”, de titularidade do Concello, “non está para resolver os problemas de Metrovacesa”.
Remarcou Veira que “sempre que falamos de rebaixar a edificabilidade, falamos da dificultade de a trasladar a outros barrios, aquí temos un bo exemplo”.
“A veciñanza dos Rosais”, engadiu, “non quere asumir os edificios que a Metrovacesa non lle collen nas Percebeiras. Pois ben, a veciñanza dos Rosais, que falou moi clariño na asemblea que realizou a semana pasada, ten nisto todo o apoio do BNG”.
A Coruña precisa dun outro urbanismo. “Precisamos unha Coruña mellor, pensada para a xente e para os barrios e non para os intereses duns poucos. Como cidade precisamos de espazos de convivencia, de zonas verdes e frescas que respecten a sustentabilidade ambiental, sobre todo nestes tempos de alteracións climáticas”.
“É preciso coidarmos do bordo litoral, porque hai que garantir as vistas ao mar e desde logo a visualización do noso Patrimonio da Humanidade, a Torre de Hércules”.
“Queremos deixar moi claro que o BNG nunca vai apoiar unha modificación puntual do PXOM “que agreda as vistas das Roseiras” e “sempre pelexaremos por que o que haxa nas Percebeiras sexa unha zona verde e de convivencia para as veciñas e os veciños”.
Lembrou que unha modificación puntual do PXOM require dunha maioría absoluta do Pleno. “Necesita unha maioría que o Goberno de Inés Rey non ten e, por tanto, todo o que leve a Pleno vai ter que ser acordado cunha maioría absoluta da Corporación”.