O PORTAVOZ DO BNG RESPONDE AS CRÍTICAS DE INÉS REY
Jorquera: "O Goberno Local é o único responsábel de que o Concello vaia ter orzamentos con tanta tardanza"
![<p>Conferencia de prensa posición BNG Coruña Marítima. Jorquera, 28 de xaneiro de 2025.</p>](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/bngcidadedacorunha/images/2025/01/28/2025012811055774304.jpg)
O único responsábel de que o Concello vaia ter orzamentos con tanto retraso -estímase que non entrarán en vigor até abril- é o Goberno Local, afirma o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera.
Esta demora causa prexuízos ás entidades sociais, culturais, deportivas, etc, coas que o Concello ten asinado convenios nominativos.
“A tardanza en que haxa orzamentos é responsabilidade do Goberno Local. Foi o Goberno Local quen, en vez de presentar un proxecto de orzamentos antes de que rematase 2024, agardou até o 6 de febreiro para o levar ao Pleno. Esa é a orixe do retraso e a razón da demora só é imputábel ao Goberno Local”, remarca Jorquera.
Alén da demora na presentación dos orzamentos, o Goberno Local -enfatiza o portavoz nacionalista- podería ter optado por prorrogar os orzamentos de 2024, “porque eran bos orzamentos, o único problema era que non se cumpriron” e, ao tempo, podería ter negociado as modificacións necesarias para actualizar aquilo que fose necesario, dixo en alusión aos convenios nominativos, pois estes, pola súa natureza, non son prorrogábeis.
Foi o Goberno Local quen, en vez de presentar un proxecto de orzamentos antes de que rematase 2024, agardou até o 6 de febreiro para o levar ao Pleno.
Jorquera salienta que o BNG advertiu -finais de setembro- que non negociaría uns novos orzamentos se non se cumprisen os acordos anteriores. “A sociedade entende perfectamente que acordar é moi importante, pero de nada vale acordar se logo non se cumpre o que se acorda. Polo tanto, insisto: a responsabilidade é do Goberno Local. . Primeiro, por incumprir os acordos que el mesmo tiña asinado. E, en segundo lugar, por presentar os orzamentos con tanto retraso”.
Cumpre lembrar que os orzamentos de 2024, os actualmente vixentes e que son froito da negociación entre o BNG e o PSdeG-PSOE, si entraron en vigor a 1 de xaneiro.
Resposta a Inés Rey
E en relación ás críticas á forma en que o BNG exerce á oposición vertidas por Inés Rey -a alcaldesa dixo que o Bloque, a que cualificou como “o nada”, “non se quixo nin sentar connosco”- Jorquera replica que “claro que nos sentamos co PSOE, fixémolo o 30 de setembro de 2024, para lles dicirmos que antes de abrir as conversas tiñan que cumprir os acordos pactados. Como non o fixeron, anunciamos en novembro que non iríamos negociar os orzamentos”.
Cumpre lembrar que os orzamentos de 2024, os actualmente vixentes e que son froito da negociación entre o BNG e o PSdeG-PSOE, si entraron en vigor a 1 de xaneiro. O problema é que logo o Goberno Local non os cumpriu
“En todo caso, vólvolle dicir á alcaldesa o que manifestei no Pleno: está en minoría e ten que gobernar desde a humildade e con disposición ao diálogo. Descualificar a forza política coa que asinou o acordo que permitiu a súa investidura non parece ir na liña da rectificación que lle demandamos durante o debate da cuestión de confianza”, engade Jorquera.
Se Inés Rey quere recuperar a confianza perdida basta con que faga dúas cousas, remarca o portavoz nacionalista. “Cumprir os acordos e gobernar desde a humildade e o diálogo. Non nos parece que as súas últimas declaracións vaian nesa dirección”.