O BNG insta a alcaldesa a que na negociación do convenio co Dépor defenda os dereitos das persoas abonadas a Marathon Inferior
O concelleiro do BNG David Soto acaba de rexistrar un rogo oral para a súa lectura no vindeiro Pleno por medio do cal insta a alcaldesa a que no marco da negociación do novo convenio co Deportivo da Coruña faga valer os dereitos -nomeadamente o da liberdade de expresión- das persoas abonadas a Marathon Inferior.
“No BNG estudamos con moito detemento as novas condicións impostas polo Deportivo ás persoas que teñen o seu abono en Marathon Inferior. Baixo o noso punto de vista, esas condicións abren a porta a limitar e restrinxir gravemente, e de maneira ilexítima e inxustificada, a liberdade de expresión de seareiros e seareiras”, afirma David Soto.
Se se aplicaren os requisitos impostos polo consello de administración do Deportivo, estaríase a prohibir a utilización de símbolos como a bandeira da patria galega ou a que representa a causa dos dereitos LGTBI, como tamén se estaría a perseguir a entoación de cánticos que fosen extradeportivos (pensemos por exemplo, no moi popular Altri Non).
“Estamos a falar de violacións dun dereito fundamental, como é o da liberdade de expresión, perante o cal o Concello, titular e cesionario do estadio, non pode ficar impasíbel, pois afecta miles de veciñas e veciñas da Coruña”, considera Soto.
O Goberno Local, por tanto, no marco da negociación do novo convenio, debe defender que o Deportivo rectifique e que, por tanto, se garantan todos os dereitos das persoas abonadas a Marathon Inferior, entre outros o de non seren desigualmente tratadas a respecto das seareiras e seareiros que teñen o seu asento noutras zonas do estadio.
Alén do ataque á liberdade de expresión, o BNG considera “excesivo” o tratamento que o club pretende facer dos documentos oficiais de identidade das e dos seareiros, “consistente na conservación dunha copia de tal documento, ao carecer tal tratamento de cobertura legal e non estar xustificado pola necesidade de levar a efecto o contrato de abono”.