O BNG non ve críbel o proxecto de orzamentos para 2025 e lamenta que por vez primeira desde 2016 se prescindise dos participativos
Nunha primeira avaliación de urxencia do proxecto de orzamentos do Concello para 2025, o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, pon o acento en que carece de credibilidade.
A documentación foinos entregada esta mesma mañá, polo que deixamos a valoración máis polo miúdo para o Pleno do vindeiro xoves.
“O proxecto non é críbel, non conta co apoio de ningún grupo e, alén diso, é o primeiro -desde que en 2016 se puxese en marcha o proceso dos orzamentos participativos- en que se prescinde da participación cidadá na súa elaboración”, remarca Jorquera.
Os precedentes -incumprimentos por parte do Goberno Local do Acordo de Investidura asinado co BNG e do acordo orzamentario de 2024- convidan a pensar que este proxecto de contas tampouco resulta críbel. “Boa proba diso témola, por exemplo, no baixo nivel de execución orzamentaria en 2024 nos capítulos de investimento”.
A documentación foinos entregada esta mesma mañá, polo que deixamos a valoración máis polo miúdo para o Pleno do vindeiro xoves.
Ineficacia na materialización das contas que tivo os barrios como principais damnificados, “ao non se levaren a cabo moitas das actuacións previstas en materia de mellora do espazo público, humanización ou mellora e ampliación de parques e xardíns”, precisa o portavoz nacionalista. Tampouco correron mellor sorte “as infraestruturas culturais e deportivas e os equipamentos cívicos na nosa cidade”.
Ao non se cumpriren boa parte das previsións orzamentarias de 2024, estas trasládanse agora ás contas de 2025. “Anunciáronse para este exercicio múltiples actuacións que non se executaron e que agora se volven anunciar, entre elas o plan de barrios, o mercado e o centro de saúde e cívico de San Lucía, as melloras nos centros cívicos e nos equipamentos culturais -Domus, Fórum, Teatro Rosalía...-, as bibliotecas de Novo Mesoiro e Palavea, o Parque de Monte Martelo”, indica Jorquera.
En realidade, destaca apelando a unha frase popular, “o papel terma de todo”. “Unha cousa é orzar e outra, executar. E os antecedentes, a respecto do grao de cumprimento das previsións orzamentais, non son precisamente tranquilizadores”, remarca.
Canto á partida que aparece no proxecto para o mundial 2030, Jorquera incide en que “aínda non coñecemos como se vai financiar a reforma e a ampliación do estadio”.