“UN NOVO ACORDO DE ORZAMENTOS NON SERÍA CRÍBEL SE PREVIAMENTE NON SE CUMPRE O QUE XA ESTABA ACORDADO"
Nun Fío Directo moi participativo, Jorquera recoméndalle humildade ao Goberno Local
O BNG da Coruña realizou esta tarde, no salón enseada do Hotel Riazor, o seu terceiro FÍO DIRECTO CO BNG desde que estreou esta fórmula de encontro coa veciñanza.
Se os dous primeiros fíos directos pivotaron arredor dos acordos de investidura e de orzamentos 2024, este terceiro tivo como argumento as razóns que levaron o BNG a anunciar, no Pleno extraordinario do pasado luns, que non ía negociar co Goberno Local as contas do Concello para 2025.
A razón básica é que se quebrou a confianza do BNG no Goberno Local. E quebrouse pola acumulación de incumprimentos de asuntos pactados quer no Acordo de Investidura quer no dos orzamentos 2024.
“Un novo acordo de orzamentos non sería críbel se previamente non se cumpre o que xa estaba acordado”, resumiu esta tarde Francisco Jorquera, quen trocou impresións cunha representación do tecido cívico coruñés na compaña do resto de integrantes do grupo municipal nacionalista: Avia Veira, Mercedes Queixas e David Soto.
“Non imos subscribir un novo acordo orzamentario”, resaltou Jorquera, “porque se quebrou o principio de confianza”. De aí que non serán posíbeis novos pactos co Goberno Local “mentres non se restaurar esa confianza crebada”, completou.
O portavoz nacionalista sitúa a raíz da situación que se está a vivir no Concello na “mala lectura” que fixo o PSOE, e a alcaldesa, dos resultados das eleccións municipais. “Inés Rey presentouse como vencedora, cando en realidade é que o PP obtivo 12 escanos, o PSOE 11 e o BNG, 4”, dixo. Eses resultados levaron a que a súa investidura fose obxecto de negociación coa formación nacionalista. “Mais o que negociamos foi unicamente iso, a investidura, non o noso apoio durante todo o mandato”, esclarece.
E foi o PSOE o que, pese a estar en minoría, optou por gobernar en solitario, “co apoio de só 11 concelleiros dun total de 27”.
Como é lóxico, a consecuencia desta decisión do PSOE é que “o BNG actuaría como forza de oposición”. Unha oposición construtiva: “Dixemos desde o principio que o ton da nosa oposición dependería do grao de cumprimento do acordo de investidura”.
O problema é que o acordo de investidura está moi lonxe de se cumprir e que o Goberno Local se manexa na práctica “como se tivese maioría absoluta”, cando na realidade “nin sequera a ten simple”.
É por todo isto que Jorquera lle recomenda ao Goberno Local que actúe con “humildade” e con diálogo, non só co resto da Corporación, senón tamén coa veciñanza. “É moi frecuente ouvirmos queixas de distintos colectivos sobre a insensibilidade do Goberno Local diante das súas demandas e achegas. Non pode ser que moitas delas fiquen mesmo sen seren respondidas”, considerou.
Para concluír, Jorquera garantiu que o BNG vai continuar a realizar unha “oposición útil”. “Realizaremos, como sempre, un labor de fiscalización, crítica e impulso, mais tamén mantemos a nosa disposición a chegar a acordos se son bos para a cidade. Mais para os asinar é condición sine qua non é que o PSOE rectifique a súa actitude”, concluíu.