O Goberno Local anuncia a conxelación das taxas e impostos após o BNG lle advertir que non daría apoio a ningunha suba
No curso das conversas co PSOE sobre as ordenanzas fiscais, o BNG, ante as distintas hipóteses que lle foron presentadas polo Goberno Local, trasladoulle que só daría apoio a un escenario de conxelación das taxas.
En todo caso, segundo enfatizou Jorquera no Pleno, o BNG ve as ordenanzas fiscais como un elemento inseparábel da negociación dos orzamentos e, nese sentido, alegou que "o acordo" sobre as contas do Concello para 2025 "está aínda a día de hoxe moi lonxano", polo que "o BNG non podía comprometer o noso apoio a ningunha modificación das ordenanzas fiscais".
"O que si lle deixamos claro ao grupo socialista é que nós, após a actualización das taxas e impostos feita para o presente ano, para 2025 eramos partidarios dunha conxelación", concluíu.