O #PLENOOUTUBRO APROBA AS TRES MOCIÓNS DO BNG

O Goberno Local admite que está en minoría, mais non explica por que incumpre acordos en cultura e deportes

Grupo municipal
Foto tomada minutos antes do comezo do Pleno
“Somos conscientes de que somos un Goberno Local en minoría e que temos que chegar a acordos co BNG. Somos conscientes de que todo é mellorábel. Estamos traballando para os acordos saíren adiante”, dixo o portavoz do Executivo coruñés, José Manuel Lage, ao ser interpelado ao respecto polo voceiro do BNG no Concello, Francisco Jorquera.
O Goberno Local admite que está en minoría, mais non explica por que incumpre acordos en cultura e deportes

“Somos conscientes de que somos un Goberno Local en minoría e que temos que chegar a acordos co BNG. Somos conscientes de que todo é mellorábel. Estamos traballando para os acordos saíren adiante”, dixo o portavoz do Executivo coruñés, José Manuel Lage, ao ser interpelado ao respecto polo voceiro do BNG no Concello, Francisco Jorquera.

Mais a seguir -e cuestionados por Mercedes Queixas e David Soto- os concelleiros de Cultura e Deportes -Gonzalo Castro e Manuel Vázquez- non foron quen de explicar por que non se cumpren dous acordos orzamentarios co BNG: a inxección de 250 mil euros na Escola Municipal de Música e o aumento da dotación para o Servizo de Conserxaría das Instalacións Deportivas, de modo a que melloren as condicións salariais do seu cadro de persoal.

Deste xeito decorreu a quenda das preguntas orais do BNG ao Goberno Local no curso dun Pleno en que se aprobaron as tres mocións formuladas polo grupo municipal nacionalista: sobre a política de mobilidade do Concello e as demandas da veciñanza do núcleo das Xubias -estas dúas por unanimidade- e sobre o xenocidio que está a perpetrar Israel en Gaza -esta co voto afirmativo do PSOE e o rexeitamento do PP.

Captura de pantalla 2024-10-03 104955
Jorquera, durante o Pleno

 

Na pregunta ao portavoz do Goberno Local sobre a súa tendencia a actuar como se tivesen maioría absoluta, cando nin sequera dispoñen de maioría simple, Jorquera non tivo moitos problemas á hora de pór exemplos de como o Executivo coruñés actúa de costas viradas ao resto da Corporación: o convenio asinado con Gingko para a transformación urbanística das Xubias -por medio da cal se outorgan amplas facultades de planificación a un fondo de investimento suízo-, o nomeamento de Isabel Pardo de Vera como directora do Plan Estratéxico A Coruña 2030-2050 –“que coñecemos pola prensa, como tamén agora sabemos que acaba de presentar a súa renuncia”- ou a elaboración da candidatura da cidade para albergar unha sede do mundial de fútbol masculino 2030, “presentado pola alcaldesa como un proxecto de cidade, cando non se nos informou absolutamente de nada”, a pesar de comprometer un investimento enorme para o Concello.

Perante estas críticas, Lage limitouse a dicir que “todo é mellorábel” e que están a dar pasos para o cumprimento dos acordos, a citar, entre outras cuestións, a encomenda a EMVSA da posta en marcha dun programa de asesoramento para persoas arrendatarias, unha proposta do BNG que foi asumida polo Goberno Local no Acordo de Investidura.

Mais as preguntas formuladas a seguir por Mercedes Queixas e David Soto sobre compromisos orzamentais deixan entrever que o Goberno Local está lonxe de cumprir co BNG.

Captura de pantalla 2024-10-03 111134
Avia Veira, a defender a moción de mobilidade

Así, Queixas inquiría o concelleiro de Cultura sobre o destino dos 250 mil euros negociados polo BNG para a Escola Municipal de Música, unha institución que se atopa nunha situación delicada e cuxo cadro de persoal está a protagonizar mobilizacións en defensa do cumprimento do convenio colectivo.

A ese respecto, Gonzalo Castro afirmou que ese diñeiro si se está a aplicar na EMM. Segundo a súa versión, valeu para enxugar parte do déficit que ten a escola desde que, no mandato 2015-2019, se produciu unha rebaixa das súas taxas.

Mais a intención do BNG é que ese diñeiro fose aumentar os recursos da EMM, non supostamente ao seu déficit.

Captura de pantalla 2024-10-03 132303
Mercedes Queixas inquiriu o Goberno Local sobre a Escola Municipal de Música

Canto ao servizo de Conserxaría das Instalacións Deportivas, o BNG negociou na elaboración dos orzamentos vixentes o aumento da dotación para dignificar as condicións salariais do seu cadro de persoal.

Alén de cualificar o tema como “complexo”, o concelleiro de Deportes eludiu referirse a por que non se está a cumprir ese compromiso orzamentario, desviando a atención á convocatoria dun futuro concurso dos distintos servizos de conserxaría, momento en que eventualmente se poderían atender as demandas laborais polas que se están a mobilizar as e os conserxes.

 

 

O Goberno Local admite que está en minoría, mais non explica por que incumpre acordos en cultura e deportes