bngcidadedacorunha.opennemas.com
16/out./2018
Avalaremos a «Mesa Técnica» da Maestranza só no caso de que esta sirva para a devolución gratuíta das parcelas do Campo da Estrada
Os terreos do Campo da Estrada que o Ministerio de Defensa sacou á venda eran e son terreos comunais, é dicir da cidade, ocupados polas monarquías absolutistas para instalacións militares defensivas e en usufruto polo Ministerio da Guerra, hoxe Ministerio de Defensa, e están situados “entremurallas”, no ámbito de protección de Bens de Interese Cultural (BIC), de altísimo valor patrimonial
A oferta do Goberno da Marea “doutras propiedades” a cambio das parcelas da Maestranza é inxustificada, ademais de dar a entender que se incumprirá a vontade popular expresada coa consulta realizada pola veciñanza da Cidade Vella e pola Cadeco, en maio deste ano, que tivo unha participación de 449 persoas, e na que o 97,1% votou estar a favor coa devolución gratuíta dos terreos ao concello para que foran destinados a zona verde e equipamentos públicos
As mesmas mocións e iniciativas que se teñen aprobado durante este mandato, por certo presentadas polo BNG e pola Comisión Aberta en Defensa do Común, e que serviron como argumento para aplicar a moratoria de venda deses terreos durante una ano aprobada na Xunta de Goberno da semana pasada tamén recollían instar o Concello da Coruña a solicitar do Ministerio de Defensa a devolución gratuíta dos terreos do Campo da Estrada: o Concello da Coruña non pode ser cómplice do «mercadeo» e da especulación urbanística coa que veu actuando Defensa a respecto dos terreos da nosa cidade, polo que calquera mesa de negociación que se constitúa deberá resolver que todos estes espazos, sen contraprestación algunha, volvan a formar parte do Concello e que se poidan empregar para o seu uso veciñal