Preguntas do BNG: marcha atrás do Goberno Local no escano cidadán e cesión de parcelas á Xunta sen as condicionar ao réxime de aluguer

Captura de pantalla 2025-04-10 144713
Captura de pantalla 2025-04-10 144713
Na quenda de preguntas orais ao Executivo coruñés, e interpelado polo BNG, o Goberno Local deu marcha atrás no anuncio feito pola alcaldesa de reformulación do escano cidadán, ao tempo que recoñeceu que non condicionou a cesión de parcelas municipais a que as vivendas públicas que se vaian construír nelas o sexan en réxime de aluguer.
Preguntas do BNG: marcha atrás do Goberno Local no escano cidadán e cesión de parcelas á Xunta sen as condicionar ao réxime de aluguer

No Pleno anterior, a alcaldesa anunciou que impulsaría unha reformulación do escano cidadán e que abriría consultas cos grupos municipais ao respecto. No en tanto, na sesión plenaria deste xoves, e a unha pregunta oral formulada polo concelleiro do BNG David Soto, a concelleira de Benestar social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, afirmou que “en ningún caso” o Goberno Local está a pensar en tal reformulación.

“Estamos ante unha rectificación”, celebrou David Soto, para quen non tiña ningún sentido, desde o punto de vista da participación cidadá, coartar os dereitos das veciñas e veciños.

“Desde logo, non é democrático que, como nos consta que se ten feito, se lles pedise recentemente a persoas que solicitaron o uso do escano cidadán que entregasen por adiantado o texto íntegro das súas intervencións”, afirma Soto, para quen estaríamos ante unha práctica de censura previa intolerábel.

Canosa, pola súa parte, negou que o Goberno Local estivese a rectificar e atribuíu as palabras da alcaldesa ao seu desexo de que o escano cidadán respectase o seu espírito orixinario.

Captura de pantalla 2025-04-10 145728
Avia Veira, durante a súa intervención

Canto á vivenda, a concelleira do BNG Avia Veira inquiriu o Goberno Local de que forma está a fomentar o parque habitacional público en réxime de aluguer. En concreto, quería saber se o Executivo coruñés condicionara a cesión ao Instituto Galego de Vivenda e Solo de catro parcelas municipais a que se construíse nelas casas en réxime de aluguer.

A ese respecto, o concelleiro de Urbanismo admitiu que a cesión non se condicionara á construción de vivendas en aluguer e atribuíno a unha suposta imposiblidade xurídica de restrinxir, nun contrato, a capacidade de actuación do IGVS.

Porén, afirmou que nas conversas tidas co Concello o IGVS manifestara a súa intención de efectivamente construír vivendas de aluguer.

Veira argumentou que dado o brutal incremento dos prezos dos pisos de promoción pública en réxime de compravenda -a Xunta incrementounos 40%- a única opción para garantir o acceso á vivenda de importantes sectores sociais pasa necesariamente por aumentar o parque habitacional público en aluguer.

Mobilidade

De resto, Avia Veira tamén se interesou por saber se o Goberno Local considera “un gran asunto de cidade” o da mobilidade.

Tendo en conta que deixou caducar o contrato do transporte público urbano sen convocar en tempo e forma un novo concurso, e tendo en conta que está a actuar de costas aos grupos municipais, Veira conclúe que non.

“Levan vostedes gobernando seis anos na Coruña. E están agora apurando os traballos de recollida de propostas para unha diagnose sobre o transporte público, a elaboración dun novo mapa de liñas e o deseño dun novo servizo que xa tiña que estar funcionando hai catro meses”, denunciou.

A proba evidente de o Goberno Local non considerar prioritario este asunto é que en 1986 –“e eu aínda non nacera”, ironizou Veira- xa se sabía que a concesión remataría en decembro de 2024. “E vostedes deixaron caducar esta concesión”, criticou.

“Son vostedes os únicos responsábeis de que a concesión máis leonina que ten este Concello estea a funcionar en precario”, dixo Veira, e con todos os problemas de mobilidade por resolver: sen que o servizo se axuste aos horarios de entrada e saída nos traballos das coruñesas e coruñeses, sen suficientes frecuencias, cun mapa de liñas por renovar, sen boas conexións cos polígonos industriais ou os centros hospitalarios...

 

 

 

Preguntas do BNG: marcha atrás do Goberno Local no escano cidadán e cesión de parcelas á Xunta sen as condicionar ao réxime de aluguer