FACHADA MARÍTIMA

A propostas ridículas respostas contundentes: demandamos a retirada do “concurso de ideas” sobre o bordo litoral

Vista aerea do porto da Coruña cos peiraos de Calvo Sotelo e de Bateria á esquerda
Vista aerea da Fachada Marítima e parte do conxunto do Porto Interior da Coruña

Exiximos que se inicien os procedementos necesarios para a celebración da Consulta Popular antes de fin de ano e instamos o Goberno Local a actuar con seriedade e a retirar o concurso de ideas

Que a Marea Atlántica, despois dos seus continuos e inesgotábeis «procesos participativos», saque da chisteira este novo proceso e aposte o futuro da nosa Fachada Marítima a un «concurso» é síntoma inequívoco da súa falta de propostas, da inexistencia dun proxecto de cidade

A improvisación constante no tema da fachada marítima reflicte que o Goberno Local non está a altura do que supoñen os usos dos terreos portuarios para a cidade e para o seu futuro

Consideramos que é dunha falta de seriedade impropia que o concelleiro de Rexeneración Urbana anuncie un concurso –do que aínda non se coñecen as bases porque están en elaboración– no que poderán participar persoas sen titulación académica ou coñecementos técnicos, con proxectos que non van ter encaixe urbanístico claro e cunha probabilidade moi elevada de que nunca poida chegar a levarse cabo

A propostas ridículas respostas contundentes: demandamos a retirada do “concurso de ideas” sobre o bordo litoral

Despois das declaracións realizadas onte polo concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda Xiao Varela, sobre o “certame” para a presentación de propostas para a Fachada Marítima exiximos que se inicien os procedementos necesarios para a celebración da Consulta Popular para antes de que finalice este ano e instamos o Goberno da Marea Atlántica a actuar con seriedade e a retirar o concurso de ideas.

Entendemos que, toda vez que se deron a coñecer todos os detalles da proposta formulada pola Marea Atlántica, que admite que non terá carácter vinculante, que con moita probabilidade o proxecto ou proxectos gañadores non poidan ter encaixe urbanístico, a posibilidade de que se poidan presentar proxectos sen un debido contraste técnico, e ademais, de dotarse dun orzamento de 125.000 euros, en función de 5 premios de 25.000 euros para uns “proxectos gañadores” que posibelmente non serán asumíbeis, esta significa unha burla descarada para a cidade no seu conxunto e que a improvisación constante no tema da fachada marítima reflicte que o Goberno Local non está a altura do que supoñen os usos dos terreos portuarios para A Coruña e para o seu futuro.

Parcarta da Comisión Aberta en Defensa do Común colocada no salón de plenos durante a celebracion da Asemblea Cidadá que aprobaba a Consulta Popular

Neste sentido, volvémoslle lembrar ao Goberno municipal que seguen se executarse diversos acordos tomados no Pleno, como a realización da Consulta Popular, a modificación puntual, alí onde proceda, do Plano Xeral co obxecto de protexer os usos de diversas zonas portuarias, ou mesmo a realización das iniciativas xurídicas pertinentes para impedir as actuacións especulativas para cos terreos portuarios etc, polo que lle demandamos primeiro que atenda ao aprobado antes que a facer novas propostas que non teñen nin un fin concreto, nin significan unha acción real de goberno nin de xestión.

Que a Marea Atlántica, despois dos seus continuos e inesgotábeis «procesos participativos», saque da chisteira este novo proceso e aposte o futuro da nosa Fachada Marítima a un «concurso» é síntoma inequívoco da súa falta de propostas, da inexistencia dun proxecto e dunha deixación de funcións gravísima. Parécenos ridículo que se formule unha proposta destas características, sen rigorosidade ningunha, que presumibelmente non teña encaixe urbanístico e cunha probabilidade moi elevada de que nunca poida chegar a levarse cabo. Para nós a proposta é un sen sentido e outra fuxida cara adiante máis do Executivo.

A Coruña, 20 de xullo de 2018.

 

Noticias relacionadas:

A propostas ridículas respostas contundentes: demandamos a retirada do “concurso de ideas” sobre o bordo litoral