SOBRE AS ZONAS VERDES, A PEGADA DE CASTELAO NA CIDADE E AS CAMPAÑAS INSTITUCIONAIS DO CONCELLO
O Pleno de abril aproba as tres mocións do BNG

Sobre as zonas verdes, o texto da moción -defendida polo portavoz nacionalista Francisco Jorquera- insta o Goberno Local a actualizar e desenvolver o plan de infraestruturas verdes, pondo o acento na protección da flora e do patrimonio arbóreo da cidade.
“Calcúlase que na Coruña hai arredor de 25 mil árbores, moi por baixo dos 40 ou 50 mil exemplares que as persoas expertas achan desexábeis para unha cidade de 251 mil habitantes”, afirmou Jorquera.
De aí que a proposta do BNG é que se incremente o número de árbores, se promocionen as especies autóctonas e se erradiquen as invasoras, se dea cumprimento ao plan de conservación do Espazo Natural de Interese Local das Illas de San Pedro e se impulse o do Espazo Natural de Interese Local da Torre de Hércules.
“Calcúlase que na Coruña hai arredor de 25 mil árbores, moi por baixo dos 40 ou 50 mil exemplares que as persoas expertas achan desexábeis para unha cidade de 251 mil habitantes”
Igualmente, o grupo municipal nacionalista urxe o Goberno Local a que promova a extensión de zonas verdes, coa creación dos parques da Agra, do Vixía e de Monte Martelo, ben como tamén a que se dote dun corredor verde a contorna da cidade, co río Monelos como eixo vertebrador, de modo a, onde for posíbel, renaturalizar o seu curso e a posta en valor dos seus elementos patrimoniais.
Canto a Castelao, a defensora da moción, a concelleira Mercedes Queixas, relatou na súa intervención diversos fitos que dan conta da estreita relación coa nosa cidade do líder histórico do nacionalismo galego -e principal personalidade do século XX no noso país-, con datos tan descoñecidos como que en 1912 deseñou un cartaz sobre as festas da Coruña, infelizmente perdido.
Na parte dispositiva da iniciativa, o BNG empraza o Goberno Local a que desenvolva unha programación transversal e expansiva durante este 2025, ano Castelao, en que se poñan de relevo “os fitos históricos documentados que vinculan a relación de Castelao coa Coruña”.
No que ten a ver coas campañas institucionais, moción defendida por Avia Veira, o propósito do BNG é que o Concello conte co talento coruñés e que o faga desde o respecto escrupuloso á propiedade intelectual dos traballos.
O BNG empraza o Goberno Local a que desenvolva unha programación transversal e expansiva durante este 2025, ano Castelao, en que se poña de relevo “os fitos históricos documentados que vinculan a relación de Castelao coa Coruña”.
“Na Coruña”, resaltou Veira, “gozamos dun ecosistema moi rico de profesionais do deseño e da ilustración consolidados e emerxentes que o Goberno Local debería ter sempre presente para realizar as súas campañas institucionais”.
Que en todos os actos e materiais das campañas se acredite a autoría dos traballos -cousa que infelizmente non sempre ocorre- e que a cesión ao promotor do concurso sexa só dos dereitos de explotación son algunhas das medidas que se propoñen nesta moción.