SESIÓN DE CONTROL AO EXECUTIVO CORUÑÉS: UNHA PREGUNTA DE DAVID SOTO
O Goberno Local non recolle a luva cando Soto lle propón prohibir o acceso aos recintos deportivos a persoas que incorran en actos de violencia machista

O concelleiro nacionalista lembrou o lamentábel episodio de “violencia verbal machista” sufrido nos campos da Torre por unha árbitra de 13 anos.
Dese episodio recordou as declaracións da alcaldesa segundo as cales se dela dependese os responsábeis dese acto violento deberían ter sido sancionados coa prohibición de acceso ás instalacións deportivas. Pois ben, como subliñou Soto, esas instalacións son do Concello e depende do Goberno Local fixar as normas para entrar nelas.
“Debería haber un regulamento sancionador que prohibise o acceso ás instalacións deportivas municipais a persoas que cometan actos de violencia machista. Desde logo o BNG está disposto ao diálogo para o facer posíbel”, avanzou.
Falta de apoio ao torneo Irene González Basanta
Criticou tamén Soto que o Goberno Local retirase o seu apoio ao torneo internacional de fútbol feminino “Irene González Basanta”, tributo a quen fora pioneira deste deporte na nosa cidade.
Na súa resposta, a concelleira Nereida Canosa non recolleu a luva sobre a elaboración dun regulamento sancionador que puna os comportamentos machistas. Canto á falta de colaboración co torneo organizado polo Orzán Sociedade Deportiva, indicou que “as dotacións económicas son finitas” e que, en calquera caso, o prazo para solicitar subvencións ao Concello -por unha contía de 20 mil euros- aínda está aberto.