DAVID SOTO LEVA ESTA CUESTIÓN AO #PLENOABRIL DESTE 10A
David Soto denuncia que o Goberno Local está a limitar "moito" os mecanismos de participación cidadá

Non só porque eliminase os orzamentos participativos no proceso de elaboración das contas do Concello para 2025, senón porque apenas convoca os consellos de participación e porque a alcaldesa vén de anunciar un proceso de reformulación do escano cidadán que como mínimo nos deixa non poucas dúbidas.
É por isto que o concelleiro do BNG David Soto leva esta cuestión, a do escano cidadán, ao Pleno de mañá xoves 10A, cunha pregunta oral co seguinte teor: “En que sentido pretende o Goberno Local reformular a figura do escano cidadán?”
“Acollemos o anuncio feito pola alcaldesa de reformulación do escano cidadán con temor a que se fose producir un novo recorte dos dereitos de participación da veciñanza”, relata Soto.
A alcaldesa avanzou que mantería contactos co resto dos grupos coa vista posta nesa reformulación.
“Mais eses contactos non se produciron e o que si se produciu, pola vía dos feitos, é que se lle pedise ás persoas que queren acceder ao escano cidadán que entregasen por anticipado o texto das intervencións. Esta práctica parécenos intolerábel”, avalía Soto.
David Soto considera “intolerábel” que se lle pida ás persoas que queren acceder a el que entreguen por adiantado o texto das súas intervencións
“A censura previa non é en absoluto compatíbel coa maneira en que o BNG entende a participación cidadá”, resalta.
En todo caso, para Soto é obvio que o Goberno Local “ten moi pouco interese en fomentar a participación cidadá”. Doutro xeito non se comprende por que convoca con tan pouca regularidade os consellos de Cultura, Deporte, Inclusión Social e Saúde e porque aínda non constituíu os de Lingua e Igualdade, órganos que se deberían conformar en virtude das ordenanzas que regulan esas materias.