O BNG presenta a súa campaña de mobilidade, co lema "Movemos ficha para que a A Coruña avance"

Presentación campaña de mobilidade
Siota e Veira a mostraren os cartaces da campaña
A praza de Pontevedra, xusto ao pé da paraxe dos buses, foi o lugar elixido polo BNG da Coruña para presentar esta mañá unha nova campaña, desta volta arredor da Mobilidade, co lema “Movemos ficha para que A Coruña avance”.
O BNG presenta a súa campaña de mobilidade, co lema "Movemos ficha para que a A Coruña avance"

En encontro cos medios, o responsábel local do BNG, Ignacio Siota, avanzou os detalles da campaña, mentres que a concelleira Avia Veira, responsábel de Mobilidade no grupo municipal nacionalista, deu conta de que políticas distintas debe aplicar o Goberno Local para resolver os evidentes déficits que nesta materia arrastra a nosa cidade.

O BNG, avanzou Siota, distribuirá pola cidade cartaces, autocolantes e dípticos con información sobre as políticas de mobilidade que defende a formación nacionalista.

O propio cartaz da campaña xoga con conceptos básicos que deben orientar esas políticas: Accesibilidade universal, menos Coches, máis bicicOruña, tren ceRcanáis, máis bUs, camiÑos seguros, beirArrúas amplas. Conceptos que, enlazados, forman o acróstico A Coruña.

A campaña, canto ao contacto directo coa veciñanza, arrancará este sábado cun acto en Novo Mesoiro, “un dos barrios en que de forma máis paradigmática se coloca o problema da mobilidade”.

Toda a información sobre a campaña, detallou Siota, atópase na web jorquera.gal, “e desde logo iremos informando sobre o seu desenvolvemento nas redes sociais do BNG da Coruña”.

A MOBILIDADE COMO DEREITO BÁSICO

O principio filosófico que sustenta a campaña é o de concibir a mobilidade como un dereito básico da veciñanza, destacou pola súa banda Avia Viera.

E a forma en que se satisfai, ou non, ese dereito básico di moito sobre o modelo de cidade que cada forza política ten. “No do BNG, a orde de prioridades está moi clara. Primeiro, os peóns. Segundo, o transporte público. Terceiro, as bicis e patinetes. E en cuarto lugar, os coches. Por dicilo cunha frase gráfica, aparcados é onde están mellor os coches”, dixo Veira, quen enfatizou que calquera estratexia de solución dos problemas de mobilidade ten que pasar por unha escala que vai máis alá da cidade, na perspectiva da creación da Área Metropolitana.

O estado actual da mobilidade na Coruña dista moito de ser satisfactorio. “Sabemos das molestias que produce camiñar por beirarrúas estreitas, que dificultan ir cunha cadeira de rodas ou co carro dun bebé, ou cruzar a présa porque os tempos dos semáforos están pensados para os coches, non para os peóns”, pormenorizou Veira.

“Sabemos que hai moita xente que, polos seus horarios laborais, non teñen máis alternativa que a do coche particular para ir ao traballo. Sabemos do deficiente servizo do bus urbano para ir ao CHUAC ou ao materno, ou aos polígonos industriais. Sabemos como van os estudantes, como sardiñas en lata, ao campus de Elviña...”, detallou.

WhatsApp Image 2025-04-07 at 13.19.26
Veira atendendo os medios

Por tanto, o BNG reclama outras políticas: accesibilidade universal, moito menor uso do vehículo privado, mudanzas significativas no transporte público urbano (novo mapa de rutas, aumento das frecuencias, ampliación de horarios, pola mañá e pola noite, para se axustaren ás horas de entrada e saída dos postos de traballo...) e mellora da comunicación coa comarca (implantación de servizos ferroviarios de proximidade e de carrís VAO na Vedra e na Ponte Pasaxe, renovación do transporte público metropolitano...).

“Todas as nosas propostas teñen como obxectivo que todo o mundo se poida mover pola Coruña de maneira segura, independentemente do seu xénero, da súa idade, da súa condición física ou dos seus recursos económicos”, así resume Veira o concepto da accesibilidade universal.

O GOBERNO LOCAL NON FIXO OS SEUS DEBERES

E non os fixo porque o contrato do transporte público urbano caducou o pasado mes de decembro sen que o Goberno Local tivese en tempo e forma convocado un novo concurso que resolvese as deficiencias do servizo actual e que evitase a prórroga deste.

“Están ben os encontros coa veciñanza que está a organizar o Goberno Local, mais deberían terse realizado moito antes. Lamentamos esa falta de dilixencia”, dixo Veira.

O BNG si vai facer coa veciñanza para “socializar as nosas propostas”, moitas das cales xa foron ensaiadas, e con grande suceso, en cidades e vilas gobernadas polo BNG, “cidades vangardista e referenciais, non só no Estado, senón tamén no plano internacional”, concluíu.

 

 

 

 

O BNG presenta a súa campaña de mobilidade, co lema "Movemos ficha para que a A Coruña avance"