bngcidadedacorunha.opennemas.com
12/xul./2018
Entendemos como unha moi mala nova a venda das parcelas do Campo da Estrada
Consideramos prioritario que o Goberno municipal protexa de xeito inequívoco os espazos do Campo da Estrada e lembramos que no Pleno do 11 de abril de 2016 se aprobou unha moción, a proposta da Comisión Aberta, na que se instaba o Executivo a que “se tomaran as medidas necesarias para a modificación puntual do Plan Xeral de Urbanismo” co obxecto da “posta en valor do Patrimonio Urbanístico, Arquitectónico e Arqueolóxico da Coruña e a súa adaptación aos valores e necesidades culturais e sociais da cidadanía e non ao servizo de intereses especulativos e mercantilistas”
Cremos que esta operación significa un insulto para coa veciñanza da Cidade Vella despois de ter celebrado a mediados de maio unha consulta popular onde case de xeito unánime se reclamou a devolución de balde destes espazos
Levamos anos tentando prever esta situación, advertindo da necesidade de que o Executivo local debera ter asumido unha posición máis contundente, sobre todo tomando a iniciativa e sendo áxil na toma de decisións no que respecta a protección do noso patrimonio, e denunciando o afán especulativo e mercantilista do Estado e do Ministerio de defensa a respecto duns espazos que son comunais, é dicir da cidade da Coruña. Cómpre agora evitar outra desfeita urbanística e garantir a máxima protección para todos estes espazos cun alto valor histórico e patrimonial