O BNG ve na dimisión do xerente do Consorcio da Música un novo capítulo dunha crise de xestión froito da desatención do Goberno Local

Consorcio Promoción Música
Mercedes Queixas, nunha xunta de goberno do Consorcio para a Promoción da Müsica. Na fotografía, no extremo da mesa,ao fondo, aparece o xerente da entidade,.
A dimisión do xerente do Consorcio para a Promoción da Música, Andrés Lacasa, representa o “enésimo capítulo dunha crise de xestión” que é produto do abandono desta institución -da que dependen a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Escola Municipal de Música- por parte do Goberno Local.
O BNG ve na dimisión do xerente do Consorcio da Música un novo capítulo dunha crise de xestión froito da desatención do Goberno Local

A dimisión do xerente do Consorcio para a Promoción da Música, Andrés Lacasa, representa o “enésimo capítulo dunha crise de xestión” que é produto do abandono desta institución -da que dependen a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Escola Municipal de Música- por parte do Goberno Local.

Así o considera a concelleira do BNG Mercedes Queixas, responsábel de Cultura no grupo municipal nacionalista.

“Esa crise de xestión véñena denunciado sistematicamente as e os músicos da Orquestra Sinfónica de Galiza e as e os traballadores da Escola Municipal de Música, con demandas laborais moi razoábeis e con protestas sobre a deterioración dos edificios que acollen estas institucións, no caso da escola a dificultar mesmo a aprendizaxe do alumnado”, afirma Queixas.

Ante a marcha de Andrés Lacasa, o BNG reclama que “a nova xerencia se cubra de forma aberta, transparente e sen dilacións”

Tamén as persoas abonadas da Orquestra Sinfónica de Galiza teñen expresado as súas críticas, quer ante a falta de mantemento do Pazo de Ópera -con pingueiras que mesmo chegaron a inhabilitar o uso dalgunhas localidades- quer ante a “drástica redución do proxecto pedagóxico e formativo” da OSG, cuxo director alertou inclusive sobre hipotéticos recortes na programación de concertos ante a insuficiencia dos recursos económicos.

E, por suposto, esa crise de xestión ten sido denunciada reiteradamente polo BNG. “Temos insistido moitísimo en que a Xunta debe 5,8 millóns de euros ao Consorcio e temos interpelado o Goberno Local para sabermos que xestións ten feitas para a Administración galega saldar esa débeda”, remarca Queixas.

Ante a marcha de Andrés Lacasa, o BNG reclama que “a nova xerencia se cubra de forma aberta, transparente e sen dilacións”, sendo que “os problemas están e hailles que dar solución”.

“O último que quere o BNG é que a xerencia do Consorcio para a Promoción da Música se sume á longa listaxe de postos e dirección sen ninguén á fronte, como foron o Ágora, o Fórum, o Teatro Colón, o Consorcio do Turismo ou a xefatura de servizo de Deportes”, conclúe Queixas.

 

 

 

O BNG ve na dimisión do xerente do Consorcio da Música un novo capítulo dunha crise de xestión froito da desatención do Goberno Local