UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA PARA O #PLENONOVEMBRO DESTE 5N
O BNG insta o Goberno Local a que impulse o cumprimento do acordo sobre As Percebeiras
“O acordo”, relata a nosa concelleira Avia Veira, “fixaba que esta reforma do PXOM debería executarse no prazo máximo de 2 anos”. “Pois ben, levamos máis dun ano de mandato e esta mudanza aínda non se iniciou. Sabemos que estes procesos requiren dunha longa tramitación, polo que o Goberno Local xa vai algo tarde para cumprir co acordado no prazo que acordamos”·.
Metrovacesa ten presentado distintas propostas para a urbanización dos terreos, “unha delas”, remarca Veira, “contemplaba a construción dunha torre de 23 andares e obtivo un informe contrario da Demarcación de Costas do Estado, órgano que esixe requisitos de difícil cumprimento por parte da promotora”. Outra das propostas, formulada a comezos de 2023, non obtivo o informe favorábel do departamento de Urbanismo do Concello. En abril deste ano, Metrovacesa presentou un terceiro proxecto “que nós entendemos”, argúe Veira, “que tampouco vai obter o informe favorábel”.
A concelleira nacionalista remarca que “os propios informes municipais apuntan a que é precisa unha modificación puntual do PXOM no ámbito das Percebeiras”, xustamente o combinado por BNG e PSOE no Acordo de Investidura.
Por tanto, e sen máis dilacións, o Goberno Local ten que iniciar os trámites para modificar o PXOM nas Percebeiras de modo a establecer novas determinacións urbanísticas nese ámbito, que garantan a sustentabilidade ambiental, a existencia de zonas verdes, o respecto á contorna xa construída e ao bordo litoral en tempos de alteracións climática e a visualización do noso Patrimonio da Humanidade, a Torre de Hércules.
“Todo isto é o que lle imos esixir ao Goberno de Inés Rey a través dunha moción que debateremos este xoves no Pleno”, conclúe Veira.