NOVA COMPARECENCIA NA COMISIÓN ESPECIAL DA FACHADA MARÍTIMA

Jorquera destaca a "sensatez" das achegas do director da Escola de Arquitectura da Coruña

Jorquera con Miguel Abelleira Doldán, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Comisión Especial Fachada Marítima. 15 de novembro de 2024.
Jorquera. con Miguel Abelleira
Este venres compareceu na Comisión Especial da Fachada Marítima que preside o noso portavoz Francisco Jorquera, o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, Miguel Abelleira Doldán.
Jorquera destaca a "sensatez" das achegas do director da Escola de Arquitectura da Coruña

Este venres compareceu na Comisión Especial da Fachada Marítima que preside o noso portavoz Francisco Jorquera, o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, Miguel Abelleira Doldán.

Jorquera destaca a “sensatez” das achegas feitas polo comparecente á Comisión. “Trasladounos que estamos nunha fase en que máis que formular propostas concretas o realmente importante é facermos ben as preguntas e a seguir saber respondelas, de modo a fixar os criterios a partir dos cales deseñarmos a futura fronte marítima da cidade”, relata.

Abelleira, quen compareceu no salón vermello do Pazo de María Pita, puxo en destaque a importancia de se elaborar un plan estratéxico que teña en conta cuestións tan diversas como “as necesidades portuarias presentes e futuras, a resolución de problemas como a mobilidade ou o acceso á vivenda ou os desafíos que formulan as alteracións climáticas e a elevación do nivel do mar no bordo costeiro”, refire Jorquera.

Comisión Fachada Marítima comparecencia director Escola Arquitectura
Un momento da comisión

A seguir, o director da ETSA da UDC resaltou que, aínda que é útil estudar experiencias doutras cidades, o porto da Coruña presenta características singulares. “Somos unha cidade de 250 mil habitantes, inscrita nunha área metropolitana de 400 mil e nunha rexión urbana de 650 mil habitantes. Somos, ademais, un porto aberto ao mar, non fluvial. O deseño, por tanto, ten que atender as nosas necesidades específicas”, acrecenta o portavoz nacionalista.

O comparecente chamou tamén a “aprender do pasado”, remarca Jorquera. “O debate moderno sobre que facermos na fronte marítima tráenos ecos do pasado. Debates semellantes déronse na cidade cando se acometeron actuacións como o recheo ou a Avenida de Mariña. Xa daquela se falaba sobre se se facía vivenda ou se gañaban espazos para o lecer da veciñanza, como son os Xardíns de Méndez Núñez”, acrecenta.

O BNG concorda co director da ETSA en que o deseño da nova fachada marítima debe ser froito non só da colaboración entre as distintas administracións públicas concernidas, senón tamén dun intenso proceso participativo do conxunto da sociedade coruñesa, ben como tamén do concurso “de persoas expertas na materia, e aí a Escola de Arquitectura da Coruña está chamada a ter un rol moi relevante”.

 

 

 

 

Jorquera destaca a "sensatez" das achegas do director da Escola de Arquitectura da Coruña