REPÚBLICA GALEGA
Viva a República galega!
No 87º aniversario da súa proclamación chamamos a celebrar a declaración da República galega
Existe unha intención deliberada de agochar os acontecementos entre o 25 e o 28 de xuño de 1931 polo que alentamos a dignificar e conmemorar unhas datas que deberían recollerse nos libros de historia e nas celebracións oficiais das distintas administracións publicas galegas
Animamos a pendurar a bandeira galega nas fiestras das casas para lembrar estas datas
Vimos de lembrar a celebración do 87º aniversario da proclamación da República de Galiza, xa que logo, estanse a cumprir nestes días o aniversario dos acontecementos que en 1931 deron lugar á constitución da Xunta Revolucionaria.
Deste xeito, convidamos a recuperar e rememorar estes feitos, nunha época da nosa historia na que a dignificación, a posta en valor de valores democráticos e a rebeldía republicana se impoñían despois da caída da ditadura e da monarquía borbónica e que no Estado español supuxo a propia proclamación da súa II República.
Neste sentido, denunciamos a intención de agochar deliberadamente os acontecementos entre o 25 e o 28 de xuño de 1931 e alentamos a dignificar e conmemorar unhas datas que deberían recollerse nos libros de historia e nas celebracións oficiais das distintas administracións publicas galegas.
A toma do Concello e do Goberno Civil de Ourense polas clases populares e pequena burguesía, inzándose en ambos casos a bandeira galega, así como o nomeamento, en Compostela, de Alonso Ríos como Presidente desta República, as revoltas en multitude de concellos e, ademais, de se redactar uns puntos fundacionais e de esixir a dimisión de todos os cargos electos en deputacións e nos cargos que se ostentasen en administracións do Estado, son os feitos máis destacados dos acontecidos na contorna destas datas de xuño de 1931, algo que todas e todos os galegos deberiamos coñecer, xa que logo están agochados intencionadamente na nosa historia co obxecto de negarnos constantemente ao nosa condición de nación.
Por último, alentamos á veciñanza a Coruña a celebrar estes días e a pendurar das fiestras das súas casas a bandeira galega en lembranza destas tan significativas datas, como acto simbólico de lembranza e de empoderamento da nosa historia e de recuperación da Memoria Histórica.
A Coruña, 26 de xuño de 2018.