MEDIO AMBIENTE
Demandamos ao Goberno municipal a roza de varias parcelas abandonadas en Pedralonga
Exiximos actuacións preventivas no que ten que a ver coa posibilidade de incendios na contorna da rúa Luís Pita e da rúa Pedro Fernández, ao carón das vivendas e da urbanización en Pedralonga
Advertimos do risco chegado o verán que ten toda esta vexetación, que mesmo chega a invadir pasos de servidume e as propias rúas, e insta o Executivo a que obrigue, onde sexa oportuno, ás persoas titulares dos espazos de titularidade privada ao coidado e mantemento dos seus solares
Presentamos unha iniciativa (podes descargala premento aquí) para que o Goberno municipal realice as actuacións necesarias para a roza de varias parcelas, aparentemente es estado de abandono, na contorna de Pedralonga.
Deste xeito, trasladamos ao servizo de Medio Ambiente a situación de varios descampados e terreos, entre a rúa Luís Pita e a rúa Pedro Fernández, así como de varios camiños de servidume que existen entre ambas, e que presentan un evidente descoidado da vexetación, que invade a case todo o conxunto de espazos.
Literalmente podemos afirmar que todos estes terreos están «a monte». Cremos que toda vez chegado o verán esta situación resólvese especialmente crítica ante a posibilidade de que puidera dar lugar a un incendio accidental, e tendo en conta a proximidades de varias vivendas unifamiliares e unha urbanización.
Así, solicitamos do Executivo, en canto se refire a súa responsabilidade directa, que realice as actuacións necesarias para a roza de todos estes espazos que sexan de titularidade municipal.
Asemade, e como administración, tamén demandamos que inste as persoas propietarias dos espazos de titularidade privada ao coidado e mantemento dos seus solares, de acordo ás ordenanzas municipais e en previsión de que toda esta vexetación non constitúa un perigo potencial.
A Coruña, 5 de xullo de 2018.