NOVAS COMPARECENCIAS NA COMISIÓN DA FACHADA MARÍTIMA QUE PRESIDE JORQUERA
Amberes, Hamburgo, Bilbao... modelos que non serven para a transformación do noso porto
“As súas achegas, feitas con grande riqueza de datos, foron enormemente útiles”, avalía Jorquera.
“Os comparecentes”, relata, “puxeron en destaque unha idea coa que o BNG concorda absolutamente: o porto da Coruña ten que seguir sendo porto, isto é, no deseño da nova fachada marítima é esencial preservar as actividades produtivas e ter en conta as súas necesidades presentes e futuras”.
O porto da Coruña está plenamente operativo e a dársena exterior non ten condicións para o substituír totalmente. Esa é unha das claves esenciais á hora de planificar a súa ordenación urbanística futura. “O porto exterior ten moi pouca liña de atraque e xa está practicamente ao 100% da súa capacidade. Polo tanto, é imprescindíbel preservar o presente e o futuro das actividades produtivas do porto interior”, resalta Jorquera.
Polo demais, os comparecentes remarcaron que determinados modelos de transformacións portuarias -Hamburgo, Bilbao, Amberes- non serían de aplicación na Coruña porque nesas cidades “actuouse en zonas que estaban en declive e que xa non tiñan actividade portuaria, pois foran desprazadas a outras áreas”. Este non é en absoluto o caso da nosa urbe.
Vidal e Peleteiro incidiron tamén na importancia de resolver o problema da débeda que pesa sobre a Autoridade Portuaria -cuestión tamén crucial para o BNG- e nese sentido apuntaron o impacto que ten tanto no elevado custo das taxas portuarias como na minoración dos recursos que se poderían destinar a investimentos.
“A verdade é que estas reflexións son de grande valor e tomamos moi boa nota delas”, concluíu Jorquera.