Novas
Exterior de Riazor coas obras desenvolvéndose a día de hoxe

Se todo vai “segundo o previsto” por que non se preveu que as obras da cuberta de Riazor non estarían a tempo?

Preguntámonos a quen lle hai que pedir responsabilidades despois do atraso da instalación da nova cuberta de Riazor

Despois dos múltiples anuncios nos que se sinalaba que a nova infraestrutura estaría rematada a tempo para a nova temporada solicitamos aclarar por que non é así e a que foi debido

Demandamos ao Executivo da Marea que avance cal será o dispositivo que se establecerá para a contorna do estadio para os partidos de liga mentres sega a realizarse a obra

“Segundo declaracións de onte do propio alcalde as obras «van segundo o previsto»... Sen embargo a realidade é que 8.564 socias e socios serán recolocados nos partidos contra o Sporting e contra o Granada, non se venderán entradas ao público para estes dous encontros e a contorna do propio estadio requirirá, para ambas datas, dun operativo especial ao se atopar actualmente ocupada pola maquinaria e infraestrutura que desenvolve a obra. Cremos máis que necesario que o Goberno da Marea avance o operativo de seguridade que se establecerá, a maiores de que  explique por que chegamos a esta situación e que se aclaren as responsabilidades correspondentes” demanda o noso candidato á alcaldía Francisco Jorquera.

Ler novas
Edición en papel, en formato de man e encartado, do novo mapa turístico da Coruña coas numerosas deturpacións toponímicas

Exiximos ao Goberno da Marea Atlántica que faga unha nova edición do mapa turístico da cidade

O mapa editado a finais de agosto contén innumerábeis deturpacións toponímicas de lugares da cidade así como de vilas do país

Ademais de se editar a finais da temporada estival e non no seu comezo, cousa que xa nos parece ilóxica, edítase facendo cun grave incumprimento e falta de respecto da nosa toponimia: exiximos ao Executivo da Marea a retirada inmediata deste mapa, tanto da páxina web como das súas versións en papel, e a edición dun novo con todos os nomes na súa única forma correcta

Ler novas
Momento da rolda de prensa da semana pasada na Ana Pontón e Francisco Jorquera anuniaban a iniciativa institucional no Parlamento de Galiza

Non consentimos que o futuro dos peiraos interiores e do Porto Exterior sexan sometidos aos intereses partidarios

Consideramos intolerábel o mercadeo partidista acaecido esta semana a conta dos terreos portuarios

Durante este mandato a reivindicación decidida para a devolución de balde dos peiraos interiores e para outro modelo de financiación para o Porto Exterior foi encabezada polas organizacións sociais en torno a Comisión Aberta e pola acción institucional, no Concello da Coruña e no Parlamento de Galiza, feita polo propio BNG

Demóstrase que hai determinadas formacións políticas que actúan en función de intereses partidarios e non por iniciativa propia ou porque o fagan en defensa dos intereses da veciñanza da Coruña e Galiza: desde drásticos e antagónicos cambios de opinión a formacións que non teñen empregado a súa capacidade de influír malia a súa representación no Congreso. Cremos lamentábel o espectáculo que se está dando e que desvía o obxectivo: a supresión do convenio de 2004, a devolución de balde dos terreos portuarios, unha vez desafectados, para usos sociais e produtivos en beneficio da cidade, e a construción do Porto Exterior a conta do Orzamento Xeral do Estado

Congratulámonos ironicamente do “cambio de opinión” a respecto do Porto do Partido Popular en tan só tres meses desde o último debate no Parlamento de Galiza, da “renuncia” da Marea Atlántica a pagar por parte dos terreos, como pretendían facer coa Solana e da “indignación” do PSOE ante o agravio comparativo co porto de Valencia similar a amosada cando a sinatura do convenio de abril entre De La Serna, Llorca, Feijoo e Losada

Ler novas
Interior do Hotel Atlántico con maquinaria que está sendo desmantelada das súas instlacións

As traballadoras e traballadores do Atlántico coa posibilidade de estar na rúa en 24 horas

Consideramos indignante e bochornosa inacción do Goberno da Marea Atlántica no proceso de relevo na concesión no Hotel Atlántico que condena á incerteza ás traballadoras e aos traballadores do establecemento hostaleiro

Agora mesmo a única certeza real é que se está a baleirar o hotel e se está a desprover dun mínimo de operatividade para o momento de traspaso: as empresas distribuidoras están a se levar toda a maquinaria, frigoríficos, cafeteiras, o enxoval etc. NH esta facendo o propio coas súas pertenzas, mesmo co almacén de alimentos. Despois do día de hoxe o interior do establecemento quedará só coas catro paredes e coas persoas traballadoras, que non teñen garantido o seu posto alén de mañá. Cremos vergoñenta a falta de acción do Executivo da Marea que deixa literalmente abandonado á súa sorte ao cadro de persoal

É inadmisíbel que a 24 horas do cambio da concesión as traballadoras e traballadores non teñan ningunha información sobre o proceso, e mesmo se lles agocha; nin NH lles asina o chamado “finiquito”, nin a nova concesionaria, o Grupo Galena, lles garante a subrogación, nin saben se o mércores terán contrato de traballo, nin son convocados ás reunións que se están celebrando mesmo en María Pita

Ler novas
Rolda de prensa de presentación das alegacións do BNG á Planta de Residuos Industriais de Santa Icía

Velaquí as nosas alegacións á planta de residuos que se quere construír ao carón de Novo Mesoiro, Feáns e Urbanización Breogán

 

Presentamos en rolda de prensa as alegacións contra o Proxecto e Estudo de Impacto Ambiental da Planta de Valorización e Almacenamento de Residuos de Santa Icía polo seu impacto ambiental en núcleos de poboación como Santa Icía, a Urbanización Breogán, Feans, Novo Mesoiro, O Moucho ou A Pastoriza

A construción desta planta está inxustificada xa que non demostra que existan na zona vertedoiros incontrolados e porque non se especifica por que o tratamento destes residuos non se poidan tratar nas plantas que xa existen en Galiza

Entendemos que a instalación desta planta incumpriría a Lei do solo de Galiza por estar situada en solo rústico de protección forestal xa que segundo o Proxecto e Estudo de Impacto Ambiental implicaría a urbanización da zona

Ler novas
Edificio do Palacio Municipal de María Pita

A Marea Atlántica nomea de xeito xa revocado xudicialmente en numerosas ocasións a un novo xefe de servizo

É un “despropósito” o nomeamento por Comisión de Servizos, ou sexa, a fichaxe dun candidato do PP para “nada máis e nada menos” que a Xefatura do Servizo de Xestión do Solo

É incríbel que a Marea Atlántica, despois de tres anos de Goberno, siga apostando por traer funcionariado doutras Administracións para cubrir postos no Concello cando os tribunais teñen fallado en innumerábeis ocasións en contra deste modus operandi

O Goberno local terá que explicar cales son os motivos polos que aposta por unha persoa que foi número dous en Sada con Ramón Rodríguez Ares en 2003

Ler novas
Vista aerea do porto da Coruña cos peiraos de Calvo Sotelo e de Bateria á esquerda

A propostas ridículas respostas contundentes: demandamos a retirada do “concurso de ideas” sobre o bordo litoral

Exiximos que se inicien os procedementos necesarios para a celebración da Consulta Popular antes de fin de ano e instamos o Goberno Local a actuar con seriedade e a retirar o concurso de ideas

Que a Marea Atlántica, despois dos seus continuos e inesgotábeis «procesos participativos», saque da chisteira este novo proceso e aposte o futuro da nosa Fachada Marítima a un «concurso» é síntoma inequívoco da súa falta de propostas, da inexistencia dun proxecto de cidade

A improvisación constante no tema da fachada marítima reflicte que o Goberno Local non está a altura do que supoñen os usos dos terreos portuarios para a cidade e para o seu futuro

Consideramos que é dunha falta de seriedade impropia que o concelleiro de Rexeneración Urbana anuncie un concurso –do que aínda non se coñecen as bases porque están en elaboración– no que poderán participar persoas sen titulación académica ou coñecementos técnicos, con proxectos que non van ter encaixe urbanístico claro e cunha probabilidade moi elevada de que nunca poida chegar a levarse cabo

Ler novas
A praza de María Pita "tomada" o Día do Orgullo deste ano

Os servizos de atención á diversidade do Concello da Coruña non se están a se prestar desde este mes

Preguntámoslle ao Goberno da Marea Atlántica que aconteceu co Servizo de Diversidade e demandamos do Executivo que aclare se non considera este servizo como necesario

Non somos quen de comprender como este servizo está sen atender: o Goberno municipal debe garantir que este servizo sexa prestado e poñer todo o seu empeño para que así se faga. Esiximos que se repoña á maior brevidade

Ler novas
Pancarta colocada en Compostela en 1968 ano da recuperación da celebración do Día da Patria

Un Bando para o noso día: viva o Día da Patria galega!

Solicitámoslle ao alcalde da Coruña que redacte un Bando conmemorando o 25 de xullo Día da Patria galega

Por cuarto ano consecutivo demandamos que o Goberno municipal chame a participar á veciñanza da Coruña da festividade, xusto na véspera do centenario da instauración do día e no 50º aniversario da súa recuperación polas clases populares galegas

Ler novas