DÍA DA PATRIA
Un Bando para o noso día: viva o Día da Patria galega!
Solicitámoslle ao alcalde da Coruña que redacte un Bando conmemorando o 25 de xullo Día da Patria galega
Por cuarto ano consecutivo demandamos que o Goberno municipal chame a participar á veciñanza da Coruña da festividade, xusto na véspera do centenario da instauración do día e no 50º aniversario da súa recuperación polas clases populares galegas
Vimos de lle solicitar ao alcalde da Coruña a redacción dun bando conmemorativo do 25 de xullo, Día da Patria galega.
Deste xeito, e por cuarto ano consecutivo, lembrámoslle ao Goberno municipal que foi precisamente en 1919 cando, nunha asemblea das Irmandades da Fala, fundadas na nosa cidade, as que resolveron que o día 25 de xullo fora declarado como o Día Nacional da Patria galega.
A través desta iniciativa (que podes descargala premendo aquí), insistímoslle en lembrar ao Executivo local que as Irmandades da Fala naceron na cidade e A Coruña, polo que se debe mostrar orgullosa deste fito e mais de pertencer a unha nación que se chama Galiza cunha rica cultura, cunha lingua e cunha historia que teñen que ser o motor do noso porvir, e de celebrar, coas máis altas distincións este día socializándoo con toda a veciñanza, e de celebrar que precisamente o ano que vén cumprirase os cen anos desde que o 25 de xullo é o noso Día Nacional
Asemade, este ano tamén cómprese o 50º aniversario da recuperación da celebración desta data, despois da súa prohibición na ditadura de Primo de Rivera, que por certo segue no rueiro da cidade, e despois do Golpe de Estado de 1936, a Guerra Civil e o xenocidio que o franquismo realizou na Galiza e no Estado español, xa que logo en 1968, forzas sociais, veciñais, culturais e políticas, nacidas do pobo, iniciaban un proceso que xa non puido ser parado: a toma da cidade vella de Compostela por parte das clases populares para recuperar para Galiza o seu 25 de xullo.
Así, demandamos que o alcalde da Coruña redacte un Bando celebrando o Día da Patria Galega, a publicar non principais medios escritos da nosa cidade o propio 25 de xullo, no que se resalte o papel fundamental que tivo a cidade da Coruña para instaurar esta data xa que as coruñesas e coruñeses temos un duplo motivo para festexala: o día en si e porque foi precisamente na nosa cidade, grazas ás Irmandades da Fala, onde se ideou a primeira declaración da festa que se conmemora.
A Coruña, 19 de xullo de 2018.