TOPONIMIA
Exiximos ao Goberno da Marea Atlántica que faga unha nova edición do mapa turístico da cidade
O mapa editado a finais de agosto contén innumerábeis deturpacións toponímicas de lugares da cidade así como de vilas do país
Ademais de se editar a finais da temporada estival e non no seu comezo, cousa que xa nos parece ilóxica, edítase facendo cun grave incumprimento e falta de respecto da nosa toponimia: exiximos ao Executivo da Marea a retirada inmediata deste mapa, tanto da páxina web como das súas versións en papel, e a edición dun novo con todos os nomes na súa única forma correcta
Vimos de presentar unha batería de preguntas (que podes descargar premendo aquí), para a súa resposta por escrito para o vindeiro Pleno do Concello, nas que trasladamos a exixencia de que se faga unha nova edición do mapa turístico da Coruña que se ofrece nos puntos de información ás persoas que visitan a nosa cidade.
Con data de 26 de agosto de 2018 na páxina web de Turismo Coruña era colgada unha noticia na que se daba conta da publicación dun novo mapa turístico actualizado da cidade da Coruña, que pode ser consultado a través da propia páxina de internet de Turismo Coruña no seguinte enlace http://www.turismocoruna.com/media/documentos/MapaSobremesa_GAL_ES_EN_WEB.pdf ou se pode recoller en dous formatos, encartado ou de man, nas oficinas de información turística.
Mais este mapa contén múltiples deturpacións toponímicas tanto de lugares da nosa cidade como de vilas de Galiza, incumprindo gravemente os nomes propios destes emprazamentos.
Observando o mapa descubrimos como se empregan nomes, entre outros, como “Playa de las Dormideras”, “Los Castros”, “La Cubela”, “Punta de los Pelamios”, “Playa del Moro”, “Playa del Orzán”, “Playa de las Lapas”, “Calle de la Estrada”, “Playa del Lino”, “Agra del Orzán”, “Barrio de las Flores”, “Los Mallos”, “Polígono Industrial de la Grela-Bens”, “Polígono del Ventorrillo”, “Calle Noya”, “Calle Baldayo”, “Plaza de las Conchiñas” etc. É intolerábel que o Goberno municipal da Marea Atlántica edite un plano da nosa cidade con tal colección de agravios e deturpacións. Nin á mantenta se tería insultado máis á microtoponimia e a toponimia única e oficial que debe ser empregada.
Deste xeito, preguntámoslle ao Goberno municipal se vai corrixir todas estas deturpacións ou se vai manter esta edición do mapa, para cando pensa corrixilo, e se pensa retirar todos os exemplares editados así como o colgado na páxina web, amais de nos interesar por que este plano foi editado a finais da temporada estival e non no seu comezo.
Editalo a finais da temporada estival e non no seu comezo parécenos ilóxico. E, a maiores, edítase facendo cun grave incumprimento e cunha falta de respecto á nosa toponimia: exiximos ao Executivo da Marea a retirada inmediata deste mapa, tanto da páxina web como das súas versións en papel, e a edición dun novo con todos os nomes na súa única forma correcta.
A Coruña, 3 de setembro de 2018.