MEDIO AMBIENTE

Velaquí as nosas alegacións á planta de residuos que se quere construír ao carón de Novo Mesoiro, Feáns e Urbanización Breogán

 

Presentamos en rolda de prensa as alegacións contra o Proxecto e Estudo de Impacto Ambiental da Planta de Valorización e Almacenamento de Residuos de Santa Icía polo seu impacto ambiental en núcleos de poboación como Santa Icía, a Urbanización Breogán, Feans, Novo Mesoiro, O Moucho ou A Pastoriza

A construción desta planta está inxustificada xa que non demostra que existan na zona vertedoiros incontrolados e porque non se especifica por que o tratamento destes residuos non se poidan tratar nas plantas que xa existen en Galiza

Entendemos que a instalación desta planta incumpriría a Lei do solo de Galiza por estar situada en solo rústico de protección forestal xa que segundo o Proxecto e Estudo de Impacto Ambiental implicaría a urbanización da zona

Velaquí as nosas alegacións á planta de residuos que se quere construír ao carón de Novo Mesoiro, Feáns e Urbanización Breogán

As nosas concelleiras do BNG no Concello de Arteixo e da Coruña, Silvia Seixas e Avia Veira, respectivamente, presentaron esta mañá as nosas alegacións (que podes descargar, en formato word para facilitar a súa presentación por quen quixer, premendo aquí) contra o Proxecto e Estudo de Impacto Ambiental da Planta de Valorización e Almacenamento de Residuos de Santa Icía.

En primeiro lugar, nas nosas alegacións explicamos que a xustificación da construción e posta en marcha desta planta é absurda xa que se fundamenta na existencia de supostos vertedoiros incontrolados na zona que, en todo caso, ao que deberan dar lugar é a que a Administración sancione os responsábeis dese comportamento delituoso contra o medio por depositar residuos fóra das plantas xa existentes en Galiza.

Silvia Seixas e Avia Veira, voceiras do BNG en Arteixo e na Coruña respectivamente, presentando as alegacións á planta de Santa Icía

En segundo lugar, as nosas alegacións contra o proxecto e estudo desta planta debullan as incorreccións recollidas sobre a distancia á que estaría de núcleos de poboación importantes como Novo Mesoiro, que realmente estaría a 855 m cando no estudo aparece a 1072 m, e Santa Icía, que está a 880 metros cando o estudo sinala 1052 m, ou mesmo chega a non recoller lugares habitados como a Urbanización Breogán, a 840 m, Feáns, a 1525 m, ou O Moucho e A Pastoriza, a 880 metros.

Neste sentido, nun anexo ao propio Proxecto Básico sinalan que por posíbeis ruídos e vibracións procedentes da actividade de esmigallado, trituracións e cribado, é recomendábel que a actividade se atope afastada de núcleos habitados de tipo residencial, sanitario e de oficinas, a unha distancia superior a 500 metros e recomendábel dun quilómetro mais hai até 5 núcleos de poboación: Urbanización Breogán, Novo Mesoiro, O Moucho, A Pastoriza e Santa Icía, que se atopan a unha distancia menor que a recomendábel.

Para nós, unha das alegacións principais é que a empresa pretende instalar unha planta de valorización e de almacenamento de residuos nun solo rústico de protección forestal para o cal terá que realizar obras de urbanización, e que de feito están recollidas no proxecto básico: algo que contravén totalmente a Lei do solo de Galiza.

Se ben a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, no seu artigo 35.º permite en solos rústicos de protección forestal as instalacións de xestión e tratamento de residuos o certo é que restrinxe a aquelas que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren. O certo é que no caso de Santa Icía, a propia empresa sinala no proxecto básico que vai construír unha nave industrial en estrutura de formigón armado, cunha superficie construída de 1.008,50 m2, cunha altura de 7 metros, e detalla que van ser necesarias obras de urbanización: un estudo xeotécnico, sustentación do edificio, demolicións e escavacións, nave industrial, redes de abastecemento e rego, redes de augas pluviais e de lixiviados, rede eléctrica, firmes e pavimentos, e mesmo urbanización e peche.

A transformación do terreo é incuestionábel xa que o acceso ao lugar onde se pretende instalar esta infraestrutura hoxe en día é un camiño forestal polo que vai debería ser urbanizado e, dado o lugar onde está situada a planta, o certo é que o os camións que depositen os residuos na planta -unhas 35.000 Tn ao ano segundo recolle o Proxecto e Estudo Ambiental- van ter que atravesar núcleos de poboación que hoxe en día xa soportan un importante tráfico de vehículos pesados e de contaminación acústica.        

Alegamos tamén que é especialmente preocupante o tipo de residuos que se van tratar na planta xa que o proxecto básico e o Estudo de Impacto falan de “residuos industriais e urbanos non perigosos”, cando, entre outros, van ser almacenados, tratados e valorizados metais como o Chumbo (Pb), o Zinc (Zn), o Cobre (Cu), o Estaño (Sn) ou o Aluminio (AL), metais coñecidos pola súa tendencia a representar serios problemas medio ambientais, ademais doutros materiais denominados “metais férreos”, “metais non férreos” e “metais mesturados”, que non se determinan e que, polo tanto, poden conter outros metais altamente contaminantes.

Un dos momentos da rolda de prensa de presentación das alegacións á planta de residuos

Prevese tamén o tratamento de materiais de construción: tellas, formigón, entullos e outros que, que polo tratamento que recibirán, esmigallado e trituración, producirán unha alta incidencia de po en suspensión, admitíndose, asemade, en varias partes dos textos o tratamento de “aceites e oleosas”, derivados do tratamento dos materiais que serán achegados ás instalacións. Tamén ser reflicten actuacións para evitar fugas de po en suspensión que non se producirían de construírse unha nave estanca que impediría de xeito moito máis efectivo e drástico as emisións mais que desde logo non é de interese para a empresa.

Por último, tamén denunciamos nas nosas alegacións que o Proxecto e Estudo Ambiental é unha auténtica chafallada pola súa falta de rigor: no relatorio de normativa á que se acolle a empresa supostamente para a proxección e posta en marcha da planta chega a sinalarse a ordenanza municipal do Concello de Ferrol relativa a emisión de ruído e de vibracións ou a xustificarse que o estudo de impacto atende as propostas recollidas no “Programa de xestión de residuos da construción e da demolición de Galiza 2013-2016” sen ter en conta intencionadamente o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galiza 2016-2022 que no seu punto 9 recolle os criterios de situación para a identificación do emprazamento e sobre a capacidade das futuras instalacións de xestión no que se sinala que as instalación de xestión, preferentemente, salvo as referentes á eliminación de residuos en vertedoiro, localizaranse en polígonos industriais.

Entendemos que en todo caso a única razón para que se constrúa en Santa Icía esta planta é o beneficio económico da empresa que presenta o proxecto mais non hai interese xeral ningún para que se leve a cabo. Ao contrario, o interese xeral debía ser a de admitir as nosas alegacións e non permitir a súa construción. Iso é o que debería facer a Xunta de Galiza.

A Coruña, 31 de xullo de 2018.

 

Noticias relacionadas:

Velaquí as nosas alegacións á planta de residuos que se quere construír ao carón de Novo Mesoiro, Feáns e Urbanización Breogán