ANTE A INICIATIVA DO BNG, O GOBERNO LOCAL ABRE A PORTA A UN ACTO EN HOMENAXE A IBRAHIMA DIACK E MAGATTE N'DIAYE
O Pleno de novembro aproba as tres mocións do BNG
Canto ás Percebeiras, Avia Veira, autora da moción, fixo notar que, a escasas horas da realización deste Pleno, o Goberno Local –“fixeron vostedes un spoiler”- anunciou a suspensión de licenzas nese ámbito da beiramar coruñesa.
Veira saudou a suspensión de licenzas e fixo votos por que a modificación puntual -pactada polo BNG co PSOE no Acordo de Investidura, co compromiso de se levar a cabo nun prazo de dous anos- se plasme no respecto ao medio natural e a contorna construída -as chamadas Casas de María Pita-, ben como tamén se permita a visualización da Torre de Hércules, Patrimonio da Humanidade.
A concelleira nacionalista resaltou que as distintas propostas formuladas por Metrovacesa, unha delas a contemplar unha torre de até 23 andares- teñen sido rexeitadas, quer por Demarcación de Costas quer por Urbanismo e non contan co apoio veciñal, “de aí a nosa petición de modificación do PXOM, mudanza que hai que comezar decontado, sendo que estes procesos adoitan ser longos”, remarcou.
PREGUNTAS ORAIS
Na quenda de preguntas orais, o portavoz do Goberno Local, cuestionado ao respecto por Francisco Jorquera, afirmou que é alcaldesa quen determina cales son os proxectos estratéxicos da cidade.
Jorquera fixo esa pregunta á luz do decreto asinado pola alcaldesa de ordenación e impulso aos proxectos estratéxicos para o mandato 2023-2027, un documento legal que concentra boa parte das competencias delegadas da presidenta da Corporación no portavoz do Goberno Local.
Pois ben, á luz dese decreto, para a alcaldesa non son estratéxicas nin a humanización dos barrios -a pesar de ser un elemento central do Acordo de Investidura- nin a política de promoción pública de vivenda, nin a cultura, nin o deporte nin as políticas sociais, sendo que ningunha destas materias son atribuídas como competencias a José Manuel Lage.
Cal é por tanto o fío condutor dese decreto? Fácil: a concentración na figura do portavoz do Goberno Local “de amplas competencias en todos os proxectos que mobilizan moitos cartos”, considera Jorquera.
O portavoz do Goberno Local afirma que é a alcaldesa a que determina cales son os proxectos estratéxicos da cidade, do que se deduce que para a alcaldesa non merecen a cualificación de proxectos estratéxicos nin a humanización dos barrios, nin a cultura nin as políticas sociais nin o deporte nin a promoción da vivenda pública
Esa é a lóxica dun decreto que, polo demais, “deixa en papel mollado a remodelación do Goberno Local feita no mes de xuño”, unha nova estrutura que en teoría perseguía acabar cun esquema de concellarías de primeira e concellarías de segunda que fora moi criticado polo BNG.
Esa estrutura tan xerarquizada era ineficaz e, froito das nosas críticas, parecía que a alcaldesa tomaba notaba e rectificaba. Á luz do decreto sobre os proxectos estratéxicos, esa rectificación ficou en nada e “volvemos ao punto de inicio”, denunciou Jorquera.
IBRAHIMA DIACK E MAGATTE N’DIAYE
Foi en setembro de 2021, apenas dous meses despois do vil asasinato de Samuel Luiz, cando o Pleno, a instancias do BNG, acordou iniciar a tramitación para o outorgamento do título de fillos adoptivos a Ibrahima Diack e Magatte N’Diaye.
O Pleno aproba unha moción do BNG para realizar unha modificación puntual do PXOM das Percebeiras. O Goberno Local anuncia a suspensión de licenzas xusto o mesmo día en que se ía debater esta iniciativa
Estes mozos senegaleses foron as únicas persoas que, mesmo pondo en risco a súa integridade física, tentaron salvar a vida de Samuel Luiz, vítima dunha salvaxe agresión grupal.
Este xoves o BNG, fíxoo Mercedes Queixas, volveu levar este asunto ao Pleno ao non constar a realización de ningún acto público en que se oficializase a entrega do título a Ibrahima e Magatte. O concelleiro de Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, afirmou que o trámite de outorgamento da distinción de fillos adoptivos xa pasara polo Pleno (10-3-22), ao tempo que, novamente a instancias do BNG, anunciou que o Concello si renderá tributo aos mozos senegaleses cunha homenaxe para a cal non precisou ningunha data concreta.