A xuíza implica a Negreira na Pokemon por actuar o Concello como "axencia de colocación de emprego"
A Coruña, 16 de marzo de 2015- O Grupo Municipal do BNG pregúntase, despois do último auto da xuíz De Lara en relación ao caso Pokemon, que ten que dicir agora o Sr. Negreira, máxime cando o BNG lle preguntou en sesión plenaria se tiña coñecemento das actuacións dos seus concelleiros, nomeadamente do Sr. Flores, como axente de colocación de emprego dun total de 46 persoas (o auto da xuíz chega a sinalar, en relación ao Sr. Flores, que actuaría como se operase a modo de agencia de colocación de empleo, función que desde luego, no corresponde a los Ayuntamientos ). O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, formuloulle ao alcalde dúas preguntas orais sobre o caso Pokemon no pleno de 14 xaneiro de 2014 e no pleno de 10 de marzo de 2014. Neste pleno de marzo de 2014, o propio Carril interpelou o alcalde para saber se coñecía as actuacións do Sr. Flores, se este actuaba por iniciativa propia ou a instancias do que el lle mandaba.
En ambas ocasións, o Sr. Negreira negouse a contestarlle ao BNG, manténdose en silencio e delegando nos seus edís a resposta, motivo polo cal, agora as nacionalistas se preguntan que vai facer agora o alcalde. E é que o auto da xuíz alude ao Sr. Negreira cando di existiendo incluso conversaciones que alcanzarían al alcalde, Carlos Negreira. Engade o auto que tal como se desprendía de alguna conversacion telefónica, el concejal Julio Flores no actuaría aisladamente, sino que lo haría con el posible conocimiento y consentimiento de sus compañeros de gobierno, incluido el propio alcalde, Carlos Negreira.
Por último, o BNG pregúntase se o Sr. Negreira vai destituír o Sr. Flores e o seu persoal de confianza ou se vai seguir permitindo que ocupen os seus postos, como até o de agora.