Carril recolle máis de 25 propostas para mellorar O Birloque dentro da campaña #TodasAsCoruñas
A Coruña, 16 de marzo de 2015- O punto de partida da visita da candidatura do BNG-Asembleas Abertas ao Birloque, San Cristovo das Viñas, Someso, Martinete e Lonzas foi, precisamente, o local da Asociación Veciñal Os Anxos, que presenta hoxe un estado desolador dada a mudanza forzosa á que están a ser sometidos os veciños e veciñas. E é que o Goberno do Sr. Negreira obrigou a entidade veciñal a desaloxar o espazo de forma inminente.
En declaracións aos medios, o candidato e portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, chamou a atención sobre a necesidade de que a veciñanza conte cun espazo de seu. Deixar a asociación de veciños e veciñas sen local implica que as persoas que viven e conviven no Birloque queden sen espazo no que facer actividades de diversa natureza, sinalou Carril, quen indicou que unha das máis de 25 propostas recollidas polo BNG-Asembleas Abertas para o barrio consiste en reestabelecer este equipamento veciñal.
Entre outras actuacións demandas pola veciñanza ao BNG-Asembleas Abertas relativas a equipamentos, Carril, que pateou o barrio acompañado doutros membros da candidatura, como María Xosé Bravo, Avia Veira e Anxo Sánchez, salientou a necesidade de que se realicen as xestións oportunas coas Administracións competentes para a creación dunha oficina de Correos que lle dea servizo á zona, pois carece del.
En materia de seguridade viaria, Carril denunciou o perigo que representa para os e as peóns camiñar nalgúns tramos do barrio, razón pola cal o BNG-Asembleas Abertas incluirá no programa unha serie de medidas que promovan a seguridade viaria. Entre moitas outras actuacións, atópase a limitación da velocidade a 30km/h, a ampliación e, no seu caso, construción de beirarrúas, o pintado de rúas, a instalación de pasos de peóns ou a construción dunha pasarela peonil entre Joaquín Planells e Blanco White.
No que ten a ver coa mobilidade, o cabeza de lista do BNG advertiu da carencia de liñas e frecuencias do autobús urbano, así como das deficiencias das paradas, que na súa maior parte non contan con marquesiñas nin con paneis informativos que avisen da hora de chegada do autobús. Tamén en mobilidade, a candidatura do BNG-Asembleas Abertas recolleu unha serie de medidas encamiñadas a mellorar a comunicación do transporte público nestas zonas, que a día de hoxe están mal comunicadas co resto da cidade.
Por último, Carril puxo de manifesto o illamento que están provocando as obras no barrio, nomeadamente, as da terceira rolda. Carril advertiu de que a veciñanza sofre mesmo illamento de luz, pois os paneis que se colocaron no núcleo de San Cristovo das Viñas no tramo da terceira rolda son opacos no canto de translúcidos. Para isto, entre outras propostas para rematar co illamento, o BNG-Asembleas Abertas incluirá no programa a realización das actuacións oportunas coas administracións correspondentes para que se coloquen paneis translúcidos nas vías de acceso á AC14 desde o enlace de Lonzas.
Ramón Mañana: Non imos contra ninguén, queremos que nos devolvan o local para a veciñanza
Pola súa banda, Ramón Mañana, presidente da AVV Os Anxos do Birloque, que acompañou a candidatura do BNG-Asembleas Abertas na pateada polo barrio, reclamou diante dos medios de comunicación que o Goberno local nos devolva o local, un local que era de libre acceso para toda a veciñanza. Sinalou que a nosa asociación veciñal non vai contra ninguén e engadiu que fomos elixidos para loitar polos dereitos da veciñanza e para loitar polas necesidades básicas do barrio. Tamén aludiu Mañana á demanda unánime do barrio de acabar co illamento ao que se están a ver sometidos os veciños e veciñas.