As propostas de emprego do BNG-AA apostan pola intervención do Concello na dinamización da economía
A Coruña, 29 de abril de 2015.- O candidato do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, pon de manifesto que o dereito ao emprego digno na nosa cidade non sería unha utopía se o Concello da Coruña intervise directamente na dinamización da economía local. Sobre esta máxima inciden as máis de 100 propostas recollidas polo BNG-Asembleas Abertas no programa electoral de cara a crear postos de traballo digno no Concello da Coruña.
Entre as máis dun cento de actuacións, Carril destaca o uso alternativo do poder público de contratación, mediante a contratación pública estratéxica e responsábel. Para isto, o cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas propón a posta en valor e uso do efecto transformador do poder de contratación dos servizos públicos municipais, como operadores económicos que son, con capacidade de intervir e influír nos mercados de bens e servizos para artellar a economía desde a responsabilidade social. Insiste, deste xeito, na inclusión de cláusulas sociais, de cláusulas de comercio xusto e responsábel e de cláusulas verdes na contratación pública para acadar obxectivos sociais, éticos e ambientais.
Ademais, Carril salienta a aposta pola creación de sementeiras de emprego, mediante a oferta municipal de locais axeitados, de baixa renda e por un tempo determinado, até que se consolide a iniciativa ou até que se amose a súa inviabilidade. Deste xeito, sinala, permitiríase e dinamizaríase a participación tanto das cooperativas de traballo asociado como das sociedades laborais nestas sementeiras. Sempre, insiste o candidato nacionalista, na idea de que desde a economía tamén se pode actuar en clave social ou solidaria.
O cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas pon de manifesto que, entre outras medidas, o programa electoral propón a potenciación da formación para o emprego dirixida ás persoas traballadoras desocupadas e ás persoas demandantes de primeiro emprego, ofertando contidos formativos especializados na dinamización e explotación dos sectores estratéxicos da economía da Coruña (polígonos industriais, actividades marítimo-pesqueiras, Universidade da Coruña, pequeno e mediano comercio, turismo, emprego verde...).