O BNG avoga pola recuperación da ría do Burgo e da zona do emisario de Bens

O BNG avoga pola recuperación da ría do Burgo e da zona do emisario de Bens

A Coruña, 29 de abril de 2015.- O programa electoral do BNG-Asembleas Abertas recolle, como unha das actuacións prioritarias da Coruña Mariñeira, a recuperación integral da ría do Burgo así como a planificación racional dos seus usos. Na mesma liña, o programa recolle inclúe a recuperación do banco marisqueiro e pesqueiro da contorna do emisario de Bens, unha zona que se atopa completamente degradada e que conta cunha gran riqueza mariña.

As nacionalistas salientan estas propostas un día despois de daren a coñecer a última resposta do Goberno central ao BNG en relación ás verteduras da ría. En resposta ás preguntas formuladas pola deputada Rosana Pérez no Congreso, o Goberno central sinalou que “na actualidade, estase a redactar o Estudo de Impacto Ambiental e o proxecto de dragado dos sedimentos da ría, para mellorar a calidade do sistema e favorecer a súa recuperación”. Trátase da mesma resposta de hai anos, de maneira que se constata que non hai avances, tan só redaccións de proxectos e os eternos estudos de impacto ambiental.

A falta de vontade política do Goberno central, do Goberno galego e do Goberno do Sr. Negreira provocan que o estado da ría do Burgo sexa, a día de hoxe, lamentábel. Precisamente, para denunciar a contaminación da ría, o candidato do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, non dubidou en descalzarse para meter os seus pés no lodo co fin de “patear” a ría do Burgo no marco da campaña #TodasAsCoruñas. O vídeo, que finaliza con Carril proclamando a recuperación da ría do Burgo, pode verse na web www.todasascorunhas.gal ou na ligazón https://www.youtube.com/watch?v=0_0PoB-5N3w.

O BNG lembra que froito das numerosísimas iniciativas presentadas no Parlamento Europeo logrou a visita dos europarlamentares á ría do Burgo, visita na que o eurodeputado conservador Philippe Boulland, que chegou a exercer de presidente da comisión investigadora, chegou a falar de “inmundicia” e de “escándalo” en relación ao estado en que se atopa a ría. Na mesma liña, o BNG alude aos centos de iniciativas presentadas tanto no Congreso como no Parlamento e no Concello para lograr a tan esperada rexeneración da ría, un obxectivo polo que o BNG seguirá a traballar arreo.

 

O BNG avoga pola recuperación da ría do Burgo e da zona do emisario de Bens