O proxecto de rexeneración da ría de O Burgo permanece suspendido no mesmo lugar de hai anos
Madrid, 28 Abril 2015. O Goberno vén de respostar á deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, que a estas alturas o proxecto de rexeneración da Ría de O Burgo permanece suspendido no mesmo lugar de hai anos.
A resposta do Goberno é reveladora: Na actualidade, estáse a redactar o Estudo de Impacto Ambiental e o proxecto de dragado dos sedimentos da ría, para mellorar a calidade do sistema e favorecer a súa recuperación.
A deputada do BNG critica que se trata de mesma resposta de hai anos. Non hai avanzos, só redacións de proxectos e os consabidos e eternos Estudos de Impacto Ambiental. O que lle fai concluir que non existe vontade política para executar unha rexeneración urxente, necesaria e máis que argumentada.
Na súa resposta ao BNG, o Goberno lembra a partida de 200.000 euros consignada nos Orzamentos para este ano 2015, unha partida criticada polo BNG por ser insuficiente, e que como sinala o Executivo, só é para o custe dos traballos de campo e gabinete para concluir a redación do Estudo de Impacto Ambiental.
Pasotismo das dúas Administracións
Rosana Pérez reprocha ao Goberno que levemos anos cos Estudos da Ría de O Burgo e anos agardando polas actuacións de limpeza nunha ría de grande riqueza marisqueira.
Máis unha vez, o Goberno non oferece datas nin concrecións temporais para a realización do proxecto. Resposta de xeito ambigüo e desinteresado, mostra de que os deberes están por facer e mostra do evidente pasotismo de ambas Administracións para cunha ría de gran valor.
O Executivo limítase a sinalar que os posíbeis acordos coa Xunta e os concellos, en relación coa execución e financiamento das obras de dragaxe e tratamento das lamas, poderánse analizar cando se coñeza o custe real das obras a executar.