Jorquera reivindica o mantemento dos postos de traballo en Teleperformance
A Coruña, 31 de maio de 2013.- O portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera, e as concelleiras María Xosé Bravo e Avia Veira participaron esta mañá na manifestación convocada polas traballadoras de Teleperformance, onde reivindicaron o mantemento dos postos de traballo e onde, unha vez máis, se puxeron ao dispor das empregadas. O portavoz parlamentar do BNG, que asegura que o impacto real no emprego que orixina a decisión de Gas Natural Fenosa vai ser a desaparición de entre uns 70 e 75 postos de traballo, reclamou o apoio da Xunta de Galiza, á que emprazou a mediar para que as persoas despedidas sigan vinculadas á empresa. Jorquera sinalou que é unha cuestión de vontade e non de capacidade manter o servizo de atención ao cliente de Unión Fenosa Comercial.
Precisamente, o propio Jorquera rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza que serán debatidas na Comisión de Economía este xoves. Nas propostas, o BNG reclama a mediación da Xunta de Galiza para garantir o mantemento dos postos en Teleperfomance A Coruña e pide que o Goberno galego inste a Gas Natural Fenosa a rectificar a súa decisión de eliminar a atención ao cliente de Unión Fenosa Comercial. Ademais, solicítaselle á Xunta de Galiza que realice as accións precisas para garantir os dereitos laborais das traballadoras da empresa.
Estamos recibindo, cada semana, graves noticias sobre a destrución de emprego na Coruña e criticou que o Goberno municipal non estea a facer nada
Pola súa banda, María Xosé Bravo e Avia Veira esixiron o apoio do Goberno municipal ás traballadoras de Teleperformance e puxeron de manifesto que o Goberno do Sr. Negreira ten que obriga de intervir para evitar estes despedimentos. Advertiron de que estamos recibindo, cada semana, graves noticias sobre a destrución de emprego na Coruña e criticaron que o Goberno municipal non estea a facer nada.
Os nacionalistas volveron criticar que os recursos naturais de Galiza estean a xerar beneficios e dividendos fóra do país sen deixar proveito ningún na terra, á vez que Gas Natural Fenosa acaba cos postos de traballo das empresas colaboradoras que foron creados en paralelo ao crecemento da antiga Unión Fenosa.