O BNG transmítelle o seu apoio ás persoas desaloxadas do Ofimático
A Coruña, 31 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG busca que o Goberno do Sr. Negreira se posicione de xeito claro para evitar seguir prexudicando as persoas desaloxadas do Ofimático e para evitar que siga favorecendo as promotoras, que son as que están a marcar o ritmo de execución das obras de urbanización do Ofimático. Por iso, as nacionalistas formularán no Pleno ordinario de xuño, que terá lugar o vindeiro xoves, unha pregunta oral para coñecer que solución ten previsto darlle o Goberno municipal ás persoas expulsadas do Ofimático, unha vez boten abaixo as súas vivendas.
Precisamente, este mediodía, o portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, e a concelleira Avia Veira participaron na manifestación convocada por Stop Desafiuzamentos en apoio ás persoas desaloxadas. As nacionalistas, que xa teñen participado en diferentes mobilizacións das persoas expulsadas, teñen denunciado en repetidas ocasións a actitude do Goberno do Sr. Negreira coas persoas desaloxadas, contra as que actúa con contundencia para que abandonen o seu fogar. De feito, criticaron reiteradamente que o alcalde asinara un decreto para que se actúe por vía xudicial e se expulse as familias que residen no Ofimático, cando non teñen alternativa de vivenda e cando o propio Goberno municipal non lles está a dar solución ningunha.