O Sr. Negreira pediulle á Xunta menos da metade das axudas que permite a lei para servizos sociais
A Coruña, 31 de maio de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo denunciou esta mañá en rolda de prensa a escasa petición de axudas que vén de formularlle o Goberno municipal á Xunta de Galiza para cofinanciar os servizos sociais comunitarios. Vemos con estupor e con moitísima preocupación que a petición aprobada onte en Xunta de Goberno Local representa só o 31,8% do que o Sr. Negreira planifica gastar en servizos sociais (a cantidade consignada no orzamento municipal ascende a 10.834.259 euros), cando o Concello podería pedirlle á Xunta até o 67% do que prevé gastar e cando no 2011, último ano do anterior Goberno, solicitou o 61,3%, advertiu.
A edila nacionalista comparou a petición aprobada en Xunta de Goberno Local do día de onte coa petición realizada polo anterior Goberno. Así, denunciou que mentres no 2011 o Goberno municipal solicitaba 11.257.699 euros, dous anos despois, o Sr. Negreira pídelle á Xunta menos da metade, 5.101.864 euros, tal e como pode comprobarse na táboa:
Coa pobreza que entra en tantas casas de persoas traballadoras por causa do desemprego, o Goberno do Sr. Negreira non é de darlle unha resposta axeitada aos colectivos mais desfavorecidos e, neste contexto, o Goberno municipal agasalla a Xunta non solicitando o que a lei lle permite, criticou.
Bravo recorreu ao decreto 99/2012, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, que recollen cales deben ser as peticións dos Concellos á Xunta de Galiza para o cofinanciamento dos servizos sociais. Este decreto pon de manifesto que os Concellos poden pedir axudas para gastos derivados da retribución do persoal adscrito aos servizos, para gastos derivados da prestación do servizo de axuda no fogar na súa modalidade de prestación básica e na súa modalidade de atención a persoas dependentes e gastos de realización doutros programas de servizos sociais comunitarios.
Lembrou Bravo que o artigo 50 deste decreto, sobre cofinanciamento municipal dos gastos correntes derivados da prestación de servizos sociais comunitarios, estabelece que os Concellos de 60.000 ou máis habitantes terán que realizar unha achega económica mínima do 33% sobre o total do orzamento do seu proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais. Isto significa que A Coruña podería solicitar o 67%. Puidendo solicitar o 67%, o Goberno do Sr. Negreira só solicitou o 34,01%, xa que a cantidade consignada no orzamento municipal ascende a 10.834.259 euros, advertiu. Insistiu en que, no 2011, último ano do anterior Goberno, a porcentaxe estaba no 61,3%.
Á vista destes datos, a concelleira do BNG reprobou que o Goberno do Sr. Negreira premie a quen ten a obriga estatutaria e legal de financiar os servizos sociais que prestan os concellos. Criticou tamén que o Goberno municipal pida menos da metade do que permite a lei en axudas para servizos sociais, cando o Partido Popular, por vez primeira na historia deste Concello, implantou o repago no servizo de axuda a domicilio.