Jorquera pide a transferencia dos servizos meteorolóxicos
A Coruña, 24 de febreiro de 2015- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, vén de rexistrar unha proposición non de lei para o seu debate en pleno e en comisión para que o Parlamento lle reclame ao Goberno estatal a transferencia dos servizos meteorolóxicos. Na iniciativa, o deputado do Bloque tamén demanda que o Goberno estatal poña fin á continua degradación do servizo que presta a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) no Observatorio da Coruña (debido ás políticas de recorte de persoal e de centralización), que a delegación de Galiza desenvolva de xeito integral todas as funcións no eido marítimo, terrestre e aeronáutico e mais a convocatoria dunha oferta pública de emprego que cubra as necesidades integrais do servizo.
Jorquera, que presentou estas iniciativas froito da reunión que mantivo xunto á deputada no Congreso Rosana Pérez e xunto á concelleira Avia Veira con traballadores do Observatorio Meteorolóxico da Coruña, pon de manifesto a importancia da función da meteoroloxía na actividade económica de sectores con gran peso na economía galega, como o pesqueiro, o agrogandeiro, o turístico ou industrial, e denuncia que, malia isto, se está a producir un continuo desmantelamento do servizo que presta a Axencia Estatal de Meteoroloxía debido aos recortes e á centralización. De feito, en Galiza, dos 65 postos de traballo contemplados na Relación de Postos de Traballo, nestes momentos hai 37 postos de traballo a quendas, dos que 7 están sen ocupar.
A precarización do servizo provocada polos recortes en persoal é aínda máis grave, dada a crecente automatización do servizo e coa recolocación na Axencia de persoas carentes da cualificación desexábel procedentes doutros servizos públicos, sinala Jorquera, quen advirte de que esta situación provocou que no Observatorio da Coruña só se estean a prestar servizos de observación durante 17 horas e de predición durante 15h cando estes servizos se prestaban as 24 horas do día.
Pola outra banda, o portavoz parlamentar do Bloque, que tamén rexistrou unha batería de preguntas para a resposta oral e escrita, critica a centralización do servizo. Sinala que as predicións meteorolóxicas da costa fanse en Galiza mais as do interior de Galiza fanse desde Madrid. O absurdo é tal, afirma, que a observación das condicións meteorolóxicas de Lavacolla, Peinador e Alvedro faise en Galiza, mais as predicións que afectan aos nosos aeroportos fanse en Santander. Mesmo as bases de datos meteorolóxicos de Galiza están agora en Madrid, denuncia o nacionalista, que alerta da consecuente perda da calidade do servizo.
Jorquera salienta que o modelo centralista é totalmente irracional e parece ignorar a diversidade climática do Estado español. Expón, ao respecto, que o clima galego rexistra particularidades e especificidades que esixen contarmos con capacidade para podermos realizar unha boa predición meteorolóxica e podermos avanzar no estudo en profundidade da evolución dos fenómenos meteorolóxicos específicos da nosa nación. Engade que tamén é irracional un modelo que desaproveita o coñecemento acumulado por parte dos nosos técnicos dos factores que inciden no clima local. A este respecto, alude aos estudos realizados por persoal da delegación de AEMET en Galiza, que reflicten unha baixada moi marcada da fiabilidade dos avisos de precipitación, situando claramente o punto de inflexión no momento do traslado das súas competencias.