#TodasAsCoruñas recolle propostas para mellorar o rural e as condicións de vida en Bens
A Coruña, 24 de febreiro de 2015- A caravana dos barrios, dentro da campaña #TodasAsCoruñas, vén de facer parada en Bens-Comeanda-Mazaído, de onde o BNG-Asembleas Abertas estivo a recoller propostas da veciñanza para este núcleo rural. Así, os e as nacionalistas incluirán un total de 25 propostas de actuación para este barrio coa idea de preservar o rural mellorando as condicións de vida da veciñanza.
Da reunión que mantiveron os membros da candidatura Xosé Manuel Carril, María Xosé Bravo, Marisol Mirás, Avia Veira, Anxo Sánchez e Isa Risco coa Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Bens, o cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas salienta a petición de instalar o sistema de recollida de augas pluviais, do que a día de hoxe aínda carece este núcleo, así como a pavimentación e canalización das augas pluviais nas estradas que van desde Bens á canceira, de Bens-radiocosteira e Bens-praia. Tamén destaca Carril desta xuntanza necesidades tan básicas como a construción de beirarrúas na estrada que vai de Mazaído a San Pedro de Visma, de Bens ao Parque de Bens e de Bens á praia.
Entre as propostas recollidas, Carril tamén fai fincapé na construción dunha praza pública no núcleo de Bens, cun parque infantil, así como a habilitación de espazos de lecer para a infancia e para as persoas maiores. A mellora da pista deportiva e a instalación de iluminación pública nesta tamén foi sinalada pola asociación veciñal, así como a necesidade imperiosa de mellora do transporte público. Neste apartado, os veciños e veciñas propuxeron que a liña de buses se prolongue desde San Pedro de Visma até Bens ou desde Os Rosales até Bens.
Ademais, o número 1 da lista do BNG-Asembleas Abertas e portavoz do Grupo Municipal do BNG informa de que o programa electoral tamén incluirá o saneamento das gabias de Comeanda, o arranxo da fonte de Comeanda, o arranxo do camiño que vai desde o local social ao núcleo de Mazaído e a instalación de pasos de peóns na estrada principal de todo o lugar. A mellora do camiño peonil até a praia de Bens e a limpeza e acondicionamento da praia son outras das actuacións que o BNG-Asembleas Abertas incorporou ao programa.
Servizo de recollida de lixo e emprego
Da visita da caravana de #TodasAsCoruñas a Bens-Comeanda-Mazaído tamén xurdiu a necesidade de que se estabeleza o servizo de varrendeiros a diario, así como a recollida de colectores e a instalación de colectores de vidro e papel. A isto hai que engadir a limpeza dos colectores, unha demanda na que a entidade veciñal fixo fincapé.
Pola outra banda, o BNG-Asembleas Abertas tamén recolleu as propostas para o desenvolvemento dun plano de recuperación do patrimonio cultural material e inmaterial do lugar, así como a realización dun plan de fomento do emprego mediando coas empresas instaladas en Bens, de modo que se garanta a formación e empregabilidade da súa veciñanza.
Amais da xuntanza coa Directiva da AVV, os membros da candidatura percorreron casa por casa todo o núcleo rural para falar coas veciñas e veciños, aos que lles entregaron material informativo do BNG-Asembleas Abertas.