O Goberno municipal afonda nos recortes de dereitos laborais d@s empregad@s do Concello
A Coruña, 8 de outubro de 2012.- A Xunta de Goberno Municipal aprobou, o pasado venres, a aplicación do Real decreto lei 20/2012 de 13 de xullo, cunha aplicación de máximos no Concello da Coruña, ao superar o que determina a normativa. O Grupo Municipal do BNG advirte de que con estas medidas, o Sr. Negreira reduce os dereitos laborais dos empregados e empregadas públicas.
Ademais de rebaixar o número de día de vacacións (en base a que o citado Real Decreto suspende os acordos, pactos e convenios en materia de vacacións) de recortar as prestacións económicas de baixas por enfermidade, o Goberno municipal elimina o premio especial de antigüidade e o Día da Administración Local. Advirten os nacionalistas de que estas medidas socavan a autonomía local e contradín o artigo 75 da Lei da Función Pública de Galiza.
Navallada á capacidade adquisitiva dos e das traballadoras públicas
Alén das medidas que atentan contra os dereitos laborais conquiridos polos traballadores e traballadoras municipais, o RD lei 20/2012 supón unha navallada máis á capacidade adquisitiva destes empregados e empregadas, ao suprimirlles a paga extra de Nadal.
Os nacionalistas advirten de que a supresión da paga extra de Nadal agravará aínda máis a crise, pois reducir o poder de compra destes traballadores e traballadoras afectará moi negativamente a pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio, e, en xeral, ao tecido económico da cidade da Coruña.
Aumento do horario dos traballadores e traballadoras municipais
Pola outra banda, os nacionalistas critican a actitude do Goberno municipal na Mesa Xeral de Negociación, ao presentar, fóra da orde do día, a proposta para a ampliación de horarios, en aplicación da Lei 2/2012, de 29 de xullo, de Orzamentos Xerais do Estado para o 2012.
Con este incremento de horas, os empregados e empregadas municipais traballarán tantas horas semanais como traballan hoxe en día as 300 persoas que reciben un complemento de especial dedicación. Estas persoas traballan dúas horas máis á semana, sumando en total 35.640 horas anuais, supóñenlle un custe ao Concello de más de tres millóns de euros.
O persoal do concello (unhas 1.600 persoas) vai ver incrementada a súa xornada laboral, achegando un total de 143.200 horas anuais. Supéranse, polo tanto, esas 35.640 horas que o concello necesitaba a maiores para o seu correcto funcionamento. Por iso, o Grupo Municipal do BNG non entende que habendo este excedente de horas haxa que seguir pagando ese complemento, cando todos os traballadores/as do Concello da Coruña van ter obriga de facer agora o mesmo horario que até o de agora realizaban só os funcionarios que cobraban o complemento de especial dedicación.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG propón un estudo real e efectivo, cunha negociación posterior, de que postos de traballo necesitan esa especial dedicación e que postos de traballo non a precisan.