Bouza: "O BNG recuperará a sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade"
A Coruña, 8 de outubro de 2012.- A candidata número 3 pola Coruña, e portavoz parlamentar de sanidade do BNG, Ana Luísa Bouza presentou esta tarde, no CEIP Eusebio da Guarda, as propostas dos nacionalistas na materia, nunha charla-coloquio na que a candidata apostou por garantir unha sanidade pública, universal e gratuíta. Acompañaron a Bouza, con senllas intervencións, o médico e responsábel da Comisión Nacional de Sanidade do BNG, Ramón Veras, e a enfermeira e presidenta da Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Coruña, María Seixo.
En primeiro lugar, Bouza referiuse ao deterioro da sanidade "o eido no que máis estamos a padecer a nefasta política do PP nestes tres anos e medio, con longas listas de espera, con mentiras e con falta de transparencia". Engadiu a nacionalistas a esta errática política a xestión do copago farmacéutico aos pensionistas. "A política de Feijóo está a destruír a sanidade e só leva á exclusión", resumiu.
A continuación, a candidata do BNG expuxo as principais propostas en materia de sanidade. Co fin de recuperar a universalidade da sanidade, asegurou que o BNG volverá incorporar este concepto na Lei de Saúde, "porque a saúde é un dereito e non un negocio", apuntou.
Como medida urxente, propuxo traballar para mellorar as listas de espera, sempre con información completa da espera sanitaria, cun novo modelo sistema de información para a espera por prioriridades que permita o seu seguimento e control; na mesma liña, cunha xestión eficaz da agarda en función de criterios clínicos, con parémetros públicados e controlábeis. Tamén cualificou como medida urxente impulsar a reforma do copago, "para que as persoas pensionistas non pasen as penurias que lles fai pasar o PP".
Para parar a destrución da sanidade pública galega, Bouza avogou por rematar co lucro privado a costa da sanidade pública, coa revisión das áreas privatizadas e coa súa recuperación para a xestión pública, "porque a sanidade é un dereito, e non unha oportunidade de negocio onde obter beneficio, como pensa Feijóo", insistou. Tamén apostou por recuperar o diálogo e o consenso social e profesional para o afortalamento da sanidade (sociedades científicas, colexios, asociacións de enfermos, entidades veciñais, sindicatos...).
Co fin de mellorar o sistema de saúde, a candidata do BNG apostou por orientalo cara á atención primaria e avogou pola humanización da actividade sanitaria. Ademais, cualificou de "fundamental" erixir a sanidadade como instrumento de superación da desigualdade social e como motor económico de Galiza, a través da priorización de áreas de atención e dos problemas de saúde de maior impacto (como saúde mental e condutas aditivas), a través da definición dun espazo socio-sanitario integrado que dea resposta á previsión de envellecemento da poboación, na atención a maiores, crónicos e dependentes e a través da investigación en saúde.
Outras das medidas anunciadas foron: a potenciación máxima da cirurxía maior ambulatoria en todos os hospitais, a creación de consultas de alta resolución, o funcionamento en horario de mañá e tarde en todos os hospitais, a garantía da interrupción voluntaria do embarazo na rede sanitaria pública, a inclusión no Catálogo de Prestacións Sanitarias do tratamento preciso para a reasignación de sexo ou a racionalización do uso dos medicamentos, priorizando a prescrición por principio activo.
Mitins en San Pedro de Visma e Novo Mesoiro-Feáns: "Crece a desafección da cidadanía co PP na mesma medida en que medra a simpatía cara ao BNG"
Ao mesmo tempo, os nacionalistas levaban a campaña a San Pedro de Visma, co candidato Suso Bermello e o concelleiro Xan Caxigal, e a Novo Mesoiro e Feáns, coa candidata Vitoria Louro e a concelleira María Xosé Bravo.
Nos mitins desta tarde, os candidatos nacionalistas aludiron ao debate que terá lugar esta noite entre PP e PSOE e puxeron de manifesto que "o debate real, o debate en que se van contrastar as dúas Galizas posíbeis é o debate entre Jorquera e Feijóo". "O debate está entre o continuismo das políticas erráticas e fracasadas do PP e as alternativas do BNG a favor de máis autogoberno e de xustiza social", sinalaron os nacionalistas.
Ademais, en ambos os mitins, Bermello e Louro expuxeron que "cada día que pasa é máis evidente que a derrota do PP é posíbel". "Crece a desafección da cidadanía co PP na mesma medida en que medra a simpatía cara ao BNG", apuntaron. Na mesma liña, salientaron que "se sen concentran os votos nacionalistas e de esquerdas no BNG, Feijóo perde".