A factura da desmontaxe da pista de xeo entrou no Concello en xuño deste ano, máis de 3 anos despois
A Coruña, 21 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a factura da desmontaxe da pista de xeo entrou no Concello en xuño deste ano, tres anos e medio despois do 3 de xaneiro de 2009, coa empresa adxudicataria en concurso de acredores. A concelleira María Xosé Bravo sinala que é falso que a empresa aceptara a desmontaxe da pista a cambio de que se lle aboasen os cartos, "se iso for certo, por que non presentou a factura inmediatamente?", pregúntase. "Máis dunha vez se lle pediu á empresa que desmontara a pista e nunca facturou porque a compensación podía ser ampliar o prazo da súa permanencia. Se a compensación foi sempre pactada e dialogada, por que o Goberno do PP decidiu agora ser tan xeneroso cos cartos de todos?", engade.
Ademais, a concelleira do BNG explica que a proposta presentada en novembro de 2007 por Pan Gallego Artesano, pola que se lle adxudica o contrato da pista de xeo, tiña unha serie de melloras sobre o prego de condicións: eficiencia enerxética (concedéronselle máis puntos por presentar unha proposta con menor consumo) e dispoñibilidade para montar e desmontar a posta de xeo en menos de 48 horas.
Pola outra banda, a nacionalista lembra que o BNG votou en contra do modificativo de crédito do IMCE ao considera que o Goberno municipal non tiña porque pagar esta factura. Engade que a empresa está hoxe intervida e que o seu administrador busca posíbeis fontes de ingresos.Neste contexto, Bravo acusa o PP de actuar "como novos ricos aos que non lles importa ir dando cartos con moita alegría".