O BNG "queimará" o patriarcado e os recortes en materia de igualdade con motivo do 25N
A Coruña, 21 de novembro de 2012.- "Este ano homenaxearemos a Julia, Tina, Iria e Marisol, catro mulleres galegas que foron asasinadas no que vai de ano a mans das súas parellas ou exparellas. E a nosa homenaxe é un adeus de recoñecemento polo valor que tiveron de rebelárense contra o patriarcado que quería que o seu destino for continuar a súa vida á beira dos seus maltratadores". Así comezaba Vitoria Louro, responsábel de Acción Feministra do BNG, a explicación dos actos convocados polas nacionalistas con motivo do Día da non violencia contra as mulleres.
Louro anunciou que o BNG celebrará este venres na Coruña unha queima simbólica "de todas aquelas cousas que provoquen violencia, discriminación e desigualdade de xénero". Este acto, que "servirá de homenaxe para todas as mulleres que ao longo da historia, por se rebelaren contra o poder estabelecido foron acusadas de bruxería, foron insultadas, humilladas e queimadas publicamente", terá lugar ás 20h no Obelisco. "Queimaremos todo aquilo que provoca que a violencia contra as mulleres aínda non estea erradicada e que nin tan sequera está nas axendas de grupos políticos que enchen a boca con declaracións politicamente correctas en datas sinaladas como este 25N, mais que logo lexislan en contra dos nosos dereitos", expuxo a nacionalista, nunha clara alusión ao PP.
Tamén deu conta do acto que organiza o BNG a nivel nacional: o soterramento do patriarcado, que terá lugar este sábado 24, a partir das 12h desde a Praza do Toral até o parque de Bonaval, onde as nacionalistas celebrarán o merecido enterro.
"Malia estar promovidos polo BNG, non queremos que sexan actos do BNG, senón da cidadanía indignada contra este sistema de opresión", advertiu. "Esta é, sen ningunha dúbida, unha das citas máis importantes, porque sen o feminismo e sen a desaparición do patriarcado non será posíbel unha transformación radical deste mundo cara a outro máis xusto e máis digno", concluíu, dando o apoio explícito do BNG a todos os actos que se convocaren o propio día 25.
O BNG anuncia que non participará nos "lavados de conciencia" do PP con motivo do 25 de novembro
Pola súa banda, a concelleira nacionalista María Xosé Bravo anunciou na rolda de prensa desta mañá que o BNG non asistirá ao acto protocolario organizado polo Goberno municipal este venres en María Pita por ser "un lavado de conciencia de quen ten a obriga de defender as mulleres e non o fai". As nacionalistas tomaron esta decisión logo dos sucesivos recortes do PP contra as políticas de igualdade e logo de que non lle permitira ao Grupo Municipal do BNG, por segundo ano consecutivo, debater a moción presentada con motivo do 25 de novembro.
Bravo sinalou que é o Pleno lugar onde, supostamente, se exerce a democracia participativa e alí deberíase, cando menos, debater as iniciativas presentadas por todos os grupos municipais con motivo do Día da non violencia contra as mulleres. "Podemos entender que o PP non apoiara unha moción onde denunciabamos as políticas económicas e de recortes que, desde as distintas administracións, practica; entendemos que non apoiara unha moción na que pediamos o mantemento da Lei do aborto; entendemos que non apoiara unha moción que critica a suba das taxas xudicias, que prexudican máis as mulleres que padecen a violencia, mais non entendemos como non nos permitiu debater a iniciativa, para que cada un dos grupos municipais puider expresar o mellor xeito de promover a igualdade", expresou.
A concelleira do BNG puxo de manifesto que as políticas do PP "non resolven ningún dos problemas aos que se enfrontan as mulleres: nin a violencia que remata en morte nin a violencia económica, que fai que a pobreza teña rostro de muller". "As mulleres son deixadas na man de quen non é capaz de resolver ningún dos gravísimos problemas que padecen", salientou. "No canto de lexislar en defensa da igualdade, o PP fixo desaparecer dos orzamentos as accións de apoio á muller e ás políticas de igualdade recollidas na Lei 2/2007", concluíu.