Un documento do Concello recoñece o empeoramento da economía da cidade desde que goberna o PP
A Coruña, a 18 de agosto de 2014.- O Grupo Municipal do BNG revela un documento oficial incluído nun dos expedientes da última Xunta de Goberno Local, de 08.08.2014, o relativo á aprobación da petición á Xunta de Galiza para prorrogar a contratación dos axentes de emprego, en que o Goberno do Sr. Negreira recoñece o empeoramento da situación económica da cidade desde 2011, precisamente, ano en que comeza a gobernar o Partido Popular.
Na memoria recollida neste expediente, elaborada polo Concello da Coruña, faise unha radiografía da situación do emprego na cidade cuns datos verdadeiramente negativos, tanto no que respecta á evolución dos grupos de actividade económica como ao desemprego e ao número de persoas rexistradas na Seguridade Social. Este informe oficial vén demostrar, a ollos das nacionalistas, que as últimas reformas laborais e as medidas antisociais do PP, lonxe de contribuír a mellorar a situación económica, afunden a inmensa maioría da poboación, amais de menoscabar os dereitos dos e das traballadoras.
Saldo negativo nas empresas desde 2011
No informe Breve diagnose socioeconómica da zona de actuación, a Concellaría de Emprego e Empresa pon sobre o papel a destrución de empresas na cidade. Así, dise que a evolución interanual mostra un descenso continuo de empresas, especialmente no período 2010-2012, con case mil empresas menos en só dous anos. As 22.765 empresas rexistradas na cidade en 2010 caeron a 22.259 no 2011 e a 21.850 no 2012.
No que ten a ver coa evolución nos grupos de actividade económica, o informe admite que Industria, Construción, Comercio, Actividades administrativas e servizos auxiliares, Transporte e almacenamento, Hostalaría e Actividades administrativas e servizos auxiliares teñen un saldo negativo nos últimos catro anos e engade que as actividades profesionais e científicas, as de Información e comunicacións e as artísticas, culturais e recreativas presentan un saldo negativo desde 2011.
Menos persoas traballando en empresas da cidade
Ademais, o documento subliña que os datos da Seguridade Social tamén mostran un descenso continuo no número de persoas en alta laboral. Actualmente, nas empresas do municipio hai unhas 106.638 persoas traballando, un 9,5% menos que no ano 2009.
O Goberno do Sr. Negreira tamén advirte neste informe de que o grupo de persoas autónomas nos últimos catro anos descendeu en case todas as actividades, xa que hai 14.990, un 7,5% menos que hai catro anos. O descenso maior, salienta, produciuse en Comercio, Construción, Industria manufactureira, Transporte e almacenamento. No que ten a ver co réxime xeral, informa de que as actividades nas que máis emprego se perdeu son a Construción e a Administración pública, seguidas do Comercio, a Industria manufactureira e as actividades financeiras e de seguros.
O informe reflicte a complicada situación do emprego
Ademais, o documento recoñece que a crise no emprego maniféstase de forma continuada desde o 2008 en todas as magnitudes: aumenta a taxa de paro (Enquisa de Poboación Activa) e o paro rexistrado (Servizo Público de Emprego) á vez que tamén diminúe o número de persoas afiliadas á Seguridade Social en situación de alta laboral.
Así, advirte de que os datos do terceiro trimestre da EPA 2013 son negativos. Hai 121.200 persoas activas, das que 98.400 están traballando e outras 23.000 buscan emprego. Engádese que no último trimestre descendeu a poboación activa debido a un descenso de 7.800 persoas e houbo un aumento no paro de 2.000. A poboación inactiva, que non traballa nin busca traballo, aumentou en 5.300 persoas. Así, a taxa de actividade redúcese neste último trimestre respecto do anterior de 60,4% a 57,8%. A taxa de paro pasou do 16,5% ao 18,9%. A taxa de ocupación de 50,4 a 46,8.