O BNG pide a reprobación da Conta Xeral que evidencia a nefasta xestión económica do PP
A Coruña, 15 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar a reprobación da Conta Xeral do exercicio de 2013, unha conta que evidencia a nefasta e prexudicial xestión económica do Goberno do Sr. Negreira. Entre os reparos e observacións formulados polo BNG, que suman 15, atópase o acrecentamento da débeda, xa que a conta amosa que a débeda viva do Concello a 31 de decembro de 2013 era de 78,21 millóns fronte aos 75,21 millóns do ano anterior. Advirten as nacionalistas neste documento que a débeda chega aos 98,86 millóns se se contabiliza a devolución de fondos correspondentes á participación nos ingresos do Estado de 2008 e 2009 e que supón que por cada habitante do Concello da Coruña se adebede 393,87 euros, un 1,3% máis que no 2012.
Amais de denunciar o aumento da débeda, o Grupo Municipal do BNG alude ao aumento da presión fiscal, que se incrementou un 11,8% durante o 2013, deixando un pago medio por habitante de 622,76 euros, un total de 65,64 euros máis que en 2012. Deste xeito, as nacionalistas volven desmentir, cos datos oficiais na man, a conxelación fiscal e volven demostrar o encarecemento da vida na Coruña.
Ademais, o Grupo Municipal do BNG refírese aos 5,37 millóns de facturas que quedaron pendentes de aplicar ao orzamento de 2013. Salientan as nacionalistas que estas facturas non foron aboadas aos provedores en 2013 nin foron contempladas tampouco nos orzamentos de 2014.
Subvención á Compañía de Tranvías e cartos sen gastar e pendentes de pago
A subvención do Concello á Compañía de Tranvías tamén forma parte da reprobación da Conta Xeral que pide o BNG. As nacionalistas denuncian no informe que as axudas á concesionaria volven subir á vez que esta sociedade volve ter beneficios, un total de 4,84 millóns (3,44 millóns despois dos impostos). Advirten de que as axudas superan o déficit de explotación subvencionábel, que foi de 3,44 euros, de xeito que permiten acrecentar a cifra de negocios e posibilitan o incremento dos beneficios. Lembra o Bloque que as obrigas netas recoñecidas coa Compañía de Tranvías durante o 2013 foron de 9,71 millóns.
Outro dos capítulos que da reprobación do BNG ten a ver co investimento, xa que foi menor do orzado. Entre outras cuestións, as nacionalistas critican que se deixaran sen gastar o 20% dos cartos destinados a cursos para formación para o emprego (un total de 187.700,63 euros sen gastar), o 35% do gasto destinado ao plan de dinamización do comercio local (277.923,79 euros sen gastar) ou o 91% do plan de dinamización comercial do Urbana C (511.021,16). Tamén chaman a atención sobre o 99% que o PP deixou sen gastar en axudas a fondo perdido para autoemprego e creación de empresas e sobre o 60% que deixou sen gastar en investimento real.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG tamén censura que quedasen pendentes de pago 186.132,01 euros de emerxencia social e que a asistencia a dependentes teña un gasto inferior ao orzado , ao haber unhas obrigas recoñecidas netas de 4,81 millóns cando o orzado era de 6,05 millóns.
Festas, contas de Emalcsa e Emvsa e incumprimento da Lei Reguladora das Facendas Locais
O desmesurado gasto en festas, tantas veces denunciado polas nacionalistas, forma parte da reprobación, así como a falta de procedementos de contratación abertos e as contas de Emalcsa, que incrementou en máis de 1 millón os beneficios por conta de encarecer o recibo da auga. Tamén critica o Bloque o aumento en perto dun 500% das achegas de Emalcsa á Fundación e chama a atención sobre o saldo negativo de Emvsa, de 123.294,76 euros, motivado polas múltiples e variadas xestións de encomenda, moitas das cales non lle deberían corresponder.
Pola outra banda, o BNG pon de manifesto nesta reprobación que a Conta Xeral incumpre a Lei reguladora das Facendas Locais na medida en que se di que serán rendidas antes do 15 de maio do exercicio seguinte ao que correspondan. Neste caso, a memoria da Conta está asinada en maio mais non se especifica o día e existen informes dentro da Conta Xeral datados de 15 de maio. Ademais, a lei di que a Conta será sometida antes do 1 de xuño á Comisión Especial de Contas, mais a comisión desenvolveu a súa sesión ordinaria o 8 de xuño. A lei tamén di que os concellos de máis de 50.000 habitantes teñen que achegar memoria xustificativa do custe e rendemento dos servizos públicos e unha memoria demostrativa do grao en que se teñan cumpridos os obxectivos programados. Porén, a memoria xustificativa sinala que non hai seguimento contábel dos custes.