O Concello amañará as pistas privadas de Valaire para beneficio d@s residentes
A Coruña, 22 de setembro de 2014.- Dado que aínda non o aclarou, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno Local, cal é o interese público que leva o Concello da Coruña a facerse cargo de dúas parcelas en Valaire que son de titularidade privada, e así figuran aprobadas tanto no Plan Parcial aprobado no pleno de 14 de abril de 2000 http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2000/05/11/5380-PD-5382.htm, como no Proxecto de compensación aprobado pola Comisión de Goberno o 1 de febreiro de 2002 http://bop.dicoruna.es/bop/2002/02/20/1267-1279.htm, e máxime cando están inseridas dentro dunha urbanización privada da que unicamente se van beneficiar os moradores deste lugar. Deste modo, o Concello da Coruña deberá reparar e manter con cartos públicos as dúas parcelas e os propietarios da urbanización, dada a súa ubicación, poderán disfrutar delas sen máis. E todo iso, tendo en conta que, segundo o Goberno Local, isto se fai coa finalidade de promover o deporte, mais non se especifica que utilidade social ten esta actuación do Sr. Negreira para o Concello da Coruña, máxime cando polo de agora só estaban a desfrutar das parcelas os moradores da urbanización e o alumnado de centros privados de ensino próximos, que son os causantes do seu deterioro e cuxo custe de reparación e mantemento asume agora o Concello da Coruña.
Tal e como recolle a documentación da Xunta de Goberno Local consultada polo BNG, no acordo de aceptación da cesión das dúas parcelas dotacionais privadas da urbanización Valaire (en concreto, unha pista de paddle na rúa Milán e unha pista polideportiva na rúa Nápoles) sinálase que a cesión ten como fin a promoción do deporte, mais non se especifica que utilidade social ten iso para o Concello da Coruña, máxime cando até agora só o estaban a desfrutar os moradores da urbanización e o alumnado de centros de ensino privados próximos.
Ademais de non se clarexar a súa utilidade pública, estas parcelas presentan un deficiente e deteriorado estado, tal como evidencia o expediente. E o Goberno Local aprobou esta mañá que sexa o Concello quen corra cos gastos e teña que arranxar, manter e xestionar con fondos públicos estas instalacións para uso e desfrute de balde dos propios habitantes da urbanización. Así, só o arranxo das pistas, dado o seu deterioro polo uso feito até agora polos residentes da urbanización como por outros usuarios de centros de ensino privados próximos, supón 48.000 euros, cartos estes que orzará o concello para o 2015.