Chabolismo: O convenio coa Deputación só ten como fin pagarlle @s técnic@s municipais
A Coruña, 22 de setembro de 2014.- Despois de consultar o expediente aprobado esta mañá en Xunta de Goberno Local, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o convenio de colaboración entre o Concello da Coruña e a Deputación Provincial para a erradicación do chabolismo no exercicio económico de 2014 non implica a contratación de ningún traballador nin traballadora e que só se trata de aliviar o pago das nóminas do persoal do Concello, que son un total de catro traballadores. Na propia documentación, achégase o financiamento das nóminas destes catro traballadores e, segundo a previsión, o Concello pagará 56.642,37 euros das nóminas e a Deputación, como máximo, 82.000 euros, a mesma cantidade que recollía o convenio do 2013.
Así, o Grupo Municipal do BNG salienta que este convenio nin sequera representa a creación de ningunha unidade para traballar na erradicación do chabolismo. De feito, o documento recolle que a subscrición deste convenio por parte do Concello da Coruña non supón aportación económica algunha. As nacionalistas, que acusan o Goberno do Sr. Negreira de crear confusión e de mentir ao dicir que contrata catro técnicos, advirten de que simplemente se trata de que o Concello faga o que ten a obriga de facer con persoal municipal propio.
O BNG salienta os recortes en materia de erradicación do chabolismo que recoñece a memoria de xestión dos Servizos Sociais correspondente ao 2013
O Grupo Municipal do BNG volve salientar os graves recortes que sofre a erradicación do chabolismo, uns recortes que foron recoñecidos na memoria de xestión dos Servizos Sociais no 2013. E é que mentres no 2012 se executou un total de 654.670 euros, no 2013 executáronse só 470.480 euros (184.190 euros menos). Ademais, o PP deixou sen executar 195.690,21 euros da partida do desenvolvemento xitano (mentres no 2012 se executaron 280.686 euros, en 2013 a cantidade diminuíu a 84.995,79 euros).
O Grupo Municipal do BNG advirte do fracaso absoluto do Goberno do Sr. Negreira en materia de erradicación do chabolismo e de inclusión social do pobo xitano. As nacionalistas poñen de manifesto que a avaliación dos avances e solucións acadadas é negativa, pois non se garantiu o acceso a vivenda e hábitat dignos dun contexto normalizado, non se melloraron as condicións de acceso ao emprego da poboación a través da educación e a formación, non se apoiou nin se promoveron mecanismos de incorporación laboral e non se facilitou nin se garantiu o acceso á educación. Ademais, lamentan que o Goberno do Sr. Negreira siga a esquecer o pobo xitano neste proceso que necesariamente debería ser participativo.
Por último, e en relación ao convenio do Concello coa Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social para a realización das actividades do Programa de erradicación do chabolismo por un valor de 330.000 euros (volveu esta mañá á Xunta de Goberno Local para subsanar un erro), o Grupo Municipal do BNG volve exirlle ao Goberno do Sr. Negreira que sexa o Concello, a través dos Servizos Sociais, quen se faga cargo da xestión pública e directa das axudas para a erradicación do chabolismo.