As únicas adxudicacións da Concellaría de Cultura van para unha empresa de Madrid
A Coruña, 21 de setembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia que durante todo o 2014 a Concellaría de Cultura tan só adxudicou dous contratos, por valor de 140.000 euros. Fíxoo, advirten as nacionalistas, a través do procedemento negociado e a beneficiaria de ambos os contratos foi unha mesma empresa de xestión cultural, a madrileña La Fábrica. Deste xeito, critican, o Goberno do Sr. Negreira apoia creadores e xestores culturais de fóra da Coruña, cando en ambos os casos se presentaran empresas galegas.
Estas dúas adxudicacións foron o Festival Agra Directo, do que se encargará La Fábrica por un montante de 79.860 euros para o desenvolvemento de proxeccións audiovisuais, exposicións, talleres e representacións artísticas en espazos públicos do barrio da Agra do Orzán, e mais o Festival Coruña Films, que por segundo ano consecutivo foi para Notodo Club de Selección Cultural (pertencente a La Fábrica) por un total 59.895 euros.
O Goberno do Sr. Negreira non valora o talento galego
O Grupo Municipal do BNG alude ao prego de prescricións técnicas do contrato para o Festival Agra Directo, onde se recolle a necesidade de Apoiar a creación cultural, con especial atención aos creadores locais e á consolidación das estruturas de apoio á creación e dos circuítos de exhibición do barrio. Trátase dunha auténtica contradición do Partido Popular, que fala de apoiar creadores e xestores culturais locais cando licitación é para unha empresa madrileña.
As nacionalistas acusan o Goberno do Sr. Negreira de non valorar o talento galego tendo en conta que ao concurso do Festival Coruña Films se presentaron un total de catro empresas, tres delas galegas, e para o Festival Agra Directo, cinco empresas, catro delas galegas. Porén, lamentan, todo acaba en mans dunha empresa madrileña.
140.000 euros para unha empresa madrileña mentres se manteñen as bibliotecas afogadas
O Grupo Municipal do BNG critica que as prioridades para o Partido Popular sexan dous festivais que suman 140.000 euros, unha avultada cantidade de diñeiro mentres se mantén nun contexto de febleza orzamentaria as bibliotecas municipais e outras actividades municipais. Advirten, ademais, do escasísimo eco que tivo a primeira edición de Coruña Films, en absoluto proporcional aos cartos gastados.